O balneario de Augas Santas acolle unhas xornadas de hidrocinesiterapia


O hotel balneario lucense de Augas Santas acolle esta fin de semana -días 24 e 25-unhas xornadas para futuros médicos, promovidas pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, nas que se explicarán os beneficios da hidrocinesiterapia e a terapia termal na recuperación da síndrome pos-Covid 19.

No tratamento médico da hidrocinesiterapia, o paciente realiza exercicios dentro da auga e, grazas ás propiedades térmicas e mecánicas do medio acuático, pode obter melloras nas súas doenzas musculares, articulares e incluso en lesións neurolóxicas.

As xornadas comezan o venres 24 pola tarde con dúas sesións prácticas impartidas por profesionais do mesmo centro. A primeira tratará sobre balneación e aplicacións a presión colectivas en piscina, dirixida pola fisioterapeuta Patricia López, á que seguirá a sesión sobre técnicas termais, impartidas polas técnicas Yolanda Rodríguez e Xaqueline Sotero. A mañá do sábado 25 comezará cunha sesión teórico-práctica sobre hidrocinesiterapia, da man de Patricia López, e rematará cunha charla do doutor Antonio Freire sobre técnicas termais e hidrocinesiterapia, e a utilidade da terapia termal na recuperación da síndrome pos-Covid 19.