O Avoa Fest consolida Pontevedra como capital gastro


Pontevedra ten en marcha un programa cheo de actividades co gallo do Avoa Fest e de PonteSan. A primeira das actividades, que acaba de ser inaugurada, prolongarase ata o vindeiro día 26 de setembro, mentras que a II edición de PonteSan celébrase ao longo desta fin de semana.

Recuperar o patrimonio gastronómico da cidade a través da herdanza das receitas familiares, nunha homenaxe ás avoas, esas mulleres que gardaron a memoria culinaria cos seus receitarios, é o principal obxectivo do Avoa Fest 2021, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro.

O evento, organizado en colaboración con Carta Blanca, desenvólvese entre os días 17 e 26 de setembro e inclúe a instalación dun Bosque da Memoria para deixar lembranzas e receitas das avoas, a celebración do Desafío Filloa, a edición dun Receitario Ancestral de Pontevedra, un Roteiro de Postres da Avoa en colaboración coa hostalería local e un taller de postres tradicionais coas avoas da residencia Saraiva.

O Avoa Fest acaba de ser inaugurado este mediodía coa presentación do Bosque da Memoria, nun acto no que participarán o tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco.

O Bosque, que permanecerá instalado até o 26 de setembro na Praza da Peregrina, é un espazo no que a poboación poderá ir deixando (penduradas nas árbores) homenaxes persoais, como fotografías, debuxos ou mensaxes, ás súas avoas, presentes e ausentes.

Na mesma carpa colocarase tamén un buzón para que a cidadanía poida depositar as receitas tradicionais herdadas das súas familias, promovendo e poñendo en valor deste xeito a historia gastronómica da nosa cidade. “Será un espazo cargado de emocións e de amor, polas nosas avoas e pola gastronomía tradicional, no que eu mesma deixarei por suposto a miña homenaxe”, asegura Yoya Blanco.

O sábado 18 de setembro celebrarase na Alameda a partir das 18:00 horas o Desafío Filloa. con aquelas avoas que presentaron a súa candidatura a través das redes sociais do Concello e de Pontevedra Capital Gastro para cociñar cun neto ou neta unhas filloas. O xurado estará composto “polos nosos cociñeiros e cociñeiras da Banda Cociñas de Pontevedra, que puntuará e elixirá ao equipo gañador, que recibirá a Culler de Madeira gravada”, precisa Yoya Blanco.

Outro dos pratos fortes do programa será o Roteiro de Postres da Avoa, no que os hostaleiros da cidade participarán propoñendo dentro da súa carta un postre herdado das súas avoas. A Concellería de Promoción Económica difundirá un folleto no que se dará a coñecer a proposta dos establecementos participantes.

O Avoa Fest, que tamén contempla a elaboración e edición dun Receitario Ancestral de Pontevedra coas receitas achegadas pola cidadanía (co obxectivo de ilo aumentando ano a ano), clausurarase o domingo 26 de setembro cun taller de postres tradicionais no que se implicará ás avoas da residencia Saraiva.

Pola súa banda, a II Feira da Saúde e Benestar, PonteSan, arrancaou tamén este venrés e permanecerá aberta durante a fin de semana na carpa instalada na Praza de España. Alí, 37 asociacións sociosanitarias darán a coñecer a súa laboura á cidadanía