Novos cursos de producción ecolóxica da man do Craega e o Agacal

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) organizan un novo curso sobre o novo Regulamento de produción ecolóxica (UE) 2018/848, aplicable a partir de xaneiro de 2022.  Nesta ocasión celebrarase na Aula Cemit de Chantada (Lugo) o día 7 de outubro.

Coma o resto dos cursos previstos, terá lugar en xornada única, cun total de 7 horas de duración, con contido teórico en sesión de mañá (10:00-14:00 horas) e contido práctico en sesión de tarde (15:30-18:30 horas), con visita a unha explotación. Estas actividades son totalmente gratuítas e están abertas a calquera persoa interesada.  

Na páxina web de Agronovo pode consultarse  toda a información e inscricións, tanto para este curso como para os de Vacún de leite ecolóxico, Vacún de carne ecolóxico, Apicultura ecolóxica, Avicultura ecolóxica ou Ovino-Caprino ecolóxico que se impartirán ata o 13 de outubro.

O obxectivo desta actividade é dar a coñecer esta nova normativa en produción animal (bovino, apícola, ovino-caprino, porcino) e tratar a pegada de carbono e o mercado dos produtos ecolóxicos.

Este Novo Regulamento simplificará as normas de produción. Ademais, garantirá unha competencia leal para os agricultores e evitará o fraude ós consumidores. Cabe destacar que a formación técnica nesta nova normativa resulta imprescindible para o correcto desenvolvemento e consolidación do desenvolvemento agroalimentario ecolóxico.

Durante o ano 2020 certificáronse 15,58 millóns de euros máis ca no ano 2019, supoñendo a produción animal o 58% do volume das vendas totais certificadas do CRAEGA. En canto ó territorio, A Coruña destaca como a provincia con maior crecemento en facturación mais é Lugo a provincia con maior volume de produto certificado.  En canto as vendas de leite e derivados aumentaron un 15,85% do ano 2019 ao ano 2020.

O programa desta xornadas desenvolverase no transcurso dunha xornada única, en diferentes días de  setembro e outubro de 2021 no que se impartirán sete horas, con teoría pola mañá e prácticas pola tarde.  Cada curso, presencial, conta cun total de 30 prazas máximo.