Novas liñas de axudas da Xunta para reforzar o equipamento poscovid do sector


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron hoxe con representantes do Clúster Turismo de Galicia, da Federación Hostalería de Galicia e das 4 asociacións provinciais de hostalería o novo protocolo acordado co sector e validado polo comité clínico que entrará en vigor este mércores. Ao acto tamén acudiu o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. 

Trátase da nova folla de ruta que guiará a apertura destes locais nos próximos meses con independencia da evolución epidemiolóxica de cada concello e coa posibilidade de ampliar horarios segundo as medidas de prevención ante á covid-19 que asuma cumprir dos 2 niveis establecidos. 

En ambos niveis un dos requisitos é contar cunha ventilación adecuada e con medidores da calidade de aire. Por iso, a Xunta apoiará ao sector a través dunha liña de axudas dotada de 6 millóns de euros que se publicará este mes para que os establecementos hostaleiros e os aloxamentos da comunidade poidan adquirir equipamento poscovid coma estes medidores. 

Esta orde apoia tamén aos hostaleiros na implantación de sistemas domóticos ou para realizar o chek-in de forma automática, de control de distancias e accesos, de climatización e renovación de aire  que contribúen ao control da pandemia como os medidores de CO2, xunto coa instalación de cartelería, rotulación e sinalética relacionada coas medidas ante a covid-19, servizos e materiais para reforzar a limpeza e a desinfección ou melloras nos locais para crear espazos de maior amplitude, entre outras actuacións. 

Trátase dunha das 4 liñas de axudas que se publicarán ao longo deste mes nas que a Xunta investirá case 16 millóns de euros. A primeira delas xa se publicou o pasado venres e, dotada con 350.000 euros, apoia o funcionamento das axencias de viaxe, colectivo ao que o Goberno galego xa apoiou este ano con outras convocatorias por máis de 3,6 millóns de  euros. A esta orde sumaranse dúas destinadas a hostalería, esta de 6 millóns de euros coa que reforzar o equipamento poscovid e outra doutros 6 millóns de euros dirixida a recursos tecnolóxicos e accións de promoción e dixitalización nestes negocios co obxectivo de captar e fidelizar clientes. Ademais, a última das convocatorias pendentes de publicación, na que a Xunta investirá 3,5 millóns, permitirá acondicionar as infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes mellorando así a imaxe que Galicia ofrece a turistas e peregrinos neste Xacobeo 21-22. 

Con estas novas axudas, son xa máis de 31,2 millóns de euros os investidos este ano pola Xunta en convocatorias para o sector turístico destinadas a empresas, asociacións e concellos, xunto cos 90 millóns de euros que recibiron os negocios de hostalería dos dous primeiros Plans de Rescate do Goberno galego. En total, o investimento da Xunta este 2021 para reactivar o turismo galego trala pandemia ascende aos 120 millóns de euros.