Novas ferramentas dixitais para achegarse aos castros de Pontevedra

Os xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra incorporarán produtos dixitais que contribuirán á súa posta en valor a través do proxecto Trazas de Pontevedra, que incluirá unidades didácticas para os e as escolares, material para guías de todo tipo (turístico, científico, familiar...), pezas audiovisuais para a promoción dos xacementos ou o deseño dun portal web que albergará información dos castros, recursos didácticos e datos de interese entre outras cuestións. Todos os contidos realizaranse en galego, castelán e inglés.

Trátase da última fase do programa que a Deputación de Pontevedra vén desenvolvendo co Ministerio de Fomento na aposta pola riqueza arqueolóxica, un dos patrimonios culturais máis potentes da provincia. Co proxecto Trazas de Pontevedra, dotado de 153.600 euros, darase un novo paso na dixitalización dos xacementos e no uso das novas tecnoloxías que se irán aplicando a medida que o Ministerio vaia musealizando os castros integrados no proxecto.

As accións teñen un prazo de execución de seis meses e comezarán nos primeiros xacementos musealizados como Toiriz en Silleda, Castro Alobre en Vilagarcía e A Subidá en Marín.