Nova mouteira en Astorga para conmemorar o Xacobeo 21-22


Inauguración da mouteira situada na praza de San Francisco de Astorga cedida polo Goberno galego a Castela e León para conmemorar o Xacobeo 21-22. O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou e animou a tódolos leoneses a visitar a comunidade galega neste Ano Santo Dobre e camiñar a Galicia para desfrutar dun destino seguro, de calidade e sostible. 

Durante o descubrimento da mouteira que identifica ao Camiño de Santiago destacou que é o principal reclamo turístico de Galicia pero tamén un fenómeno universal que une aos pobos, ao mesmo tempo que o Xacobeo supón unha oportunidade para reforzar esa unión. Nesta liña, remarcou que o Ano Santo será o motor para a reactivación do turismo e da economía galega e beneficiará tamén á marca España e ás comunidades que atravesan as distintas rutas do Camiño. 

Tamén lembrou que con esta mouteira dáse continuidade á iniciativa Símbolos Xacobeos no mundo, que xa expandiu a marca xacobea no estranxeiro por Cracovia, Bruxelas, Glasgow, Bos Aires, Río de Xaneiro, Lorient ou Pistoia, entre outros lugares. Ademais, trátase do segundo fito conmemorativo que se coloca en conxunto con outra comunidade pola que pasa o Camiño de Santiago, despois do inaugurado o pasado xuño no Mosteiro de Santo Toribio de Liébana, en Cantabria. 

Madrid conta ademais con outra mouteira no cuartel da Garda Real inaugurada tamén en xuño polo vicepresidente primeiro da Xunta e que fora solicitada polos seus membros polo especial simbolismo, xa que tódolos anos peregrinan coas súas familias a Santiago. 

Na súa intervención, Alfonso Rueda resaltou a aposta da Xunta pese á pandemia para ofrecer un destino seguro, de calidade e sostible cun Camiño Seguro, co apoio ao sector para poñer en marcha medidas de prevención, con iniciativas pioneiras para recuperar a confianza dos viaxeiros como o seguro coronavirus ou coa promoción para reforzar esa imaxe de destino seguro a través da campaña Camiña a Galicia.