Noite das Pepitas en Ferrol


O Concello de Ferrol presentou esta mañá o cartel e o programa do festival da Noite das Pepitas 2021, que terá lugar o sábado, 11 de setembro, ás 19.30 horas, na Praza de Armas. O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, anunciou esta mañá que participarán cinco rondallas de Ferrol e unha de Cariño: Añoranzas, Club de Campo, Bohemios, Sonidos del Alba, Só Elas e Rondalla de Cariño.

O edil destacou o “gran arraigo” desta tradicional festa, “orixinal e senlleira”, e lembrou que se trata dunha celebración centenaria que “xa ten a consideración de interese turístico de Galicia que por acordo plenario imos promover coa aspiración de que alcance a de interese turístico internacional”.

Golpe fixo un especial recoñecemento ao IES San Pedro de Leixa pola súa “participación activa” á hora de darlle visibilidade ao evento a través dos seus carteis. Estiveron presentes a profesora do centro María Salas e a alumna autora do cartel deste ano, Susana Tabeayo, quen explicou que quixo reflectir a lúa e os estaleiros da cidade. Golpe entregoulle como regalo institucional dous libros: A buxaina de Ucha, do fotoperiodista José Pardo, e Baixo as mesmas nubes, de Elga Fernández.