Galicia, naturalmente sostible, propostas ecoturísticas para este outono

A conexión coa natureza e o seu consumo consciente tense convertido nunha prioridade para cada vez máis viaxeiros, que xa non se limitan a buscar espazos abertos ou entornos rurais, senón que demandan experiencias inmersivas que os conecten co seu entorno e prefiren aloxamentos e locais de hostalería que aposten pola sostibilidade.

Neste senso, Galicia está sobrada de recursos naturais de mar e montaña para descubrir, pero tamén conta cunha crecente porcentaxe de aloxamentos e rutas turísticas que ten entendido esta tendencia e ofrecen unha estancia harmónica co seu entorno, convertendo a paisaxe e os produtos enogastronómicos de proximidade nunha fortaleza e tratando de integrarse de forma sostible na comarca onde se atopan. 

Aquí seleccionamos unha pequena escolma de establecementos e rutas recomendadas para apaixonados da natureza, unha viaxe pola metade sur de Galicia que focalizamos en zonas concretas, dende as costeiras Rías Baixas ata os fronteirizos vales de interior de Monterrei e Valdeorras, puntos de conexión coa meseta central que ben merecen un alto no camiño. 

Aproveitando a efeméride marisqueira da que falamos en profundidade en páxinas anteriores, arrancamos o noso percorrido pola comarca do Grove, que ademais das súas praias ofrece argumentos de peso aos amantes da natureza como as vistosas pedras do Con Negro ou o complexo intermareal Umia-O Grove, unha das zonas húmidas máis valiosas de Galicia e importante reserva ornitolóxica. 

Aquí temos que destacar o Hotel Bosquemar, un histórico que foi pioneiro na súa aposta polas enerxías renovables (as únicas que utiliza a día de hoxe), comprometido cos produtos de km 0 e cunha horta ecolóxica propia que abastece o restaurante do hotel. Tamén os Hoteles Norat, alternativas máis urbanas que nos poden servir como base para explorar os múltiples recursos naturais que nos ofrece a zona. 

Non moi lonxe, en plena praia da Lanzada atopamos as Píllaras da Lanzada, modernos apartamentos construídos con materiais respectuosos co medio ambiente que se integran de forma sostible no seu entorno. Sen saír do Salnés, outra boa opción sería a Quinta de San Amaro, que ofrece unha experiencia na Galicia rural, pero ben comunicada, entre viñedos de Albariño, a tan só 10 minutos dalgunhas das mellores praias das Rías Baixas. Un aloxamento que por certo, está incluído na Ruta do Viño Rías Baixas, unha asociación que ofrece visitas a bodegas e catas de viño, pero tamén rutas BTT entre os viñedos, sendeiros a pé de mar, actividades marítimas e moitas outras vías para conectar coa natureza que viñemos buscando. 

E antes de deixar as Rías Baixas pegamos un salto cara o sur, internándonos no parque natural do Monte Aloia (o primeiro de Galicia) para atopar o complexo Aloia Nature, que coas súas cabanas de madeira no medio do bosque nos permitirá somerxinos entre as árbores sen perder un ápice do confort da mellor habitación de hotel.

Pero moito antes de chegar a estas Rías Baixas, os viaxeiros que entran a Galicia dende a meseta pola A-52 atravesan, a miúdo sen fixarse demasiado, o Val de Monterrei, unha terra fondamente ligada á viticultura que podemos descubrir recorrendo non só as 27 bodegas con visitas e actividades enoturísticas que ofrece a súa Ruta do Viño, senón tamén os seus antigos lagares de pedra, o parque natural do Invernadoiro, os soutos de Riós, a fervenza da Cidadella…  E para durmir, recomendamos O Retiro do Conde, unha casa rural de calidade ubicada nun pazo do S.XVIII que foi restaurado respectando ao máximo os seus orixes, no que tamén poderemos descubrir a gastronomía autóctona acompañada con viños da D.O. Monterrei. 

Para quen acceda cara a costa atlántica galega desde a A-6, isto é, o acceso a Galicia que se achega polo Bierzo, a altura de Villafranca ha de optar pola N-120 que, seguindo o curso do Sil, adentra en Valdeorras, e atravesa a Ribeira Sacra camiño de Ourense, cruzando terras de fonda tradición vinícola, apenas explotada historicamente como destino turístico, ideal para viaxeiros que queren evitar masificacións e prefiren buscar o sentir de vilas e aldeas, nas que destacan as tradicionais covas, antigas bodegas escavadas na terra e na roca, así como as máis modernas integradas na Ruta do Viño. 

Se seguimos, pois, o Sil cara o oeste non tardaremos en atoparnos na Ribeira Sacra, na que a sobrecolledora beleza natural dos canóns do Miño e do Sil se suma a unha sorprendente concentración de igrexas e mosteiros románicos e por suposto ás súas viñas distribuídas en bancais, que se ten convertido na súa imaxe máis emblemática, berce dos caldos que se poden probar nalgunha das bodegas amparadas pola Ruta do Viño. 

E para descansar e desfrutar dos canóns do Sil propoñemos a Reitoral de Chandrexa, unha antiga casa reitoral recuperada tendo en conta criterios de bioconstrucción que harmoniza coa tranquilidade e beleza do entorno, onde os propietarios ofrecen aos seus visitantes os froitos da súa horta ecolóxica, o seu pan, o seu viño… o sabor das cousas ben feitas. 

Se a ruta se completa, unificado o Sil co Miño desembocando tamén na xa coñecida A-52., esta bríndanos a oportunidade de parada en fonda en plena comarca de O Ribeiro, na vistosa Casal de Armán. Son tamén alternativas con augas termais. Recomendable por tanto levar a man a guía dos Balnearios de Galicia, que nos aportarán unha relaxación semellante á da natureza e ademais dos propios programas mineromedicinais cada vez inclúen máis actividades paralelas para coñecer os seus fermosos entornos.