Ferrol actualiza a Ruta Modernista de Rodolfo Ucha


O Concello de Ferrol vén de actualizar a ruta turística que recorre os edificios do afamado arquitecto modernista Rodolfo Ucha na cidade, cun novo percorrido que integra un total de 28 edificios dividios en dous roteiros, un de construcións estritamente modernistas, con 17 inmobles, e outro que recolle 11, neste caso de estilo neoecléctico.

Xa están dispoñibles nas oficinas municipais de turismo da cidade e na recepción do Castelo de San Felipe os folletos informativos da nova ruta tanto en galego como en castelán e inglés cun plano da ruta e un código QR que leva á unha plataforma virtual onde se pode atopar  toda a información dos edificios. 

Nas próximas semanas colocaranse nas fachadas dos edificios novas placas identificativas uniformes azuis para os edificios modernistas e laranxas para os neoeclécticos, ao igual que se identifican no folleto da ruta, e co mesmo código QR, un traballo desenvolvido en colaboración coa empresa Wireless Galicia. Polo momento se van a retirar as da anterior ruta co fin de evitar confusións.

Plataforma interactiva
 
A plataforma conta cun mapa interactivo con imaxes e contidos de audio e texto, tamén en galego, castelán e inglés, dispoñible xa na web modernismo.visitferrol.com. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, indicou que o novo catálogo “é máis estrito en canto ao estilo artístico da obra de Ucha diferenciando os edificios modernistas dos posteriores neoeclécticos”. Son, apuntou, dúas etapas “históricas e artísticas diferentes aínda con elementos comúns”. Á primeira corresponden os localizados en Rubalcava 55, Hospital 53, María 172, Dolores 67, Real 64, 97, 125, 134 e 148, Dolores 64, Magdalena 61, 213 e 186, a peixaría do Mercado da Magdalena, Igrexa 4 e 72 e Pardo Baixo 25. Da etapa neoecléctica son Real 100 e 193, María 192, Magdalena 185, 220 e 230, Igrexa 142, Alegre 69, Rubalcava 29, o Teatro Jofre e a Casa Antón. Esta actualización da ruta baséase no estudio O Modernismo a través da obra de Rodolfo Ucha desenvolvido pola historiadora da arte ferrolá Pilar Freire, un documento froito tamén de encontros coa familia do arquitecto.

A reactivación da Ruta Modernista forma parte das iniciativas que o Concello está a poñer en marcha “con motivo da celebración este ano e o próximo do falecemento e nacemento, respectivamente, do arquitecto, tras aprobar por unanimidade no pleno municipal o seu nomeamento como Fillo Adoptivo da cidade”, puntualizou Martínez Montero.