Fam trip de Galicia MICE para promover o turismo de congresos


Co obxectivo de seguir apoiando o desenvolvemento de Galicia como un destino ideal para acoller eventos e congresos, o Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña acolleu esta mañá o comezo dunha viaxe de familiarización de empresas vencelladas co sector MICE nacional (turismo de reunións, incentivos, convencións e exposicións) interesadas en coñecer as instalacións e recursos cos que conta o noso territorio para acoller este tipo de eventos. O fam trip está impulsado por Galicia MICE coa colaboración do Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu a esta primeira xornada do fam trip, no que participan dez representantes de empresas nacionais especializadas no segmento do turismo de reunións, que estará en Galicia ata o vindeiro mércores, visitando A Coruña, Santiago e Vigo.

Neste primeiro encontro, os participantes da viaxe mantiveron un workshop con outras dez empresas galegas do sector MICE, co obxectivo de establecer sinerxías que lles permitan colaborar a longo prazo.