Fallados os segundos premios ao turismo e á gastronomía da provincia de Lugo

.

José Tomé presidiu a reunión do Consello Provincial de Turismo na que se decidiu distinguir o Xeoparque Mundial Montañas do Courel; a web Terras de Burón; o Concello de Viveiro; e a Aldea de Turismo Rural O Mazo, no Courel, na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense, e a ASOPORCEL, na de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense. 

“Estes premios contribúen a dar recoñecemento, visibilidade e promoción á oferta da nosa provincia no ámbito gastronómico e turístico. O perfil dos candidatos é excelente e reflicte moi ben o modelo de turismo cara o que avanzamos na provincia de Lugo, de calidade e sostible”, subliñou o Presidente da Deputación

A Xunta de Goberno provincial, como órgano competente para a resolución da convocatoria dos distintivos, debe aprobar agora a decisión tomada polo Consello para publicarse posteriormente no Boletín Oficial da Provincia. Os premios entregaranse nunha gala o vindeiro 27 de setembro, Día Mundial do Turismo

O xurado estivo formado por 18 persoas que forman o Consello de Turismo, vinculadas a este sector e coa presenza de representantes dos tres grupos políticos da Corporación provincial.

Os premios Lugo Cambia ao turismo lucense e ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense teñen un carácter honorífico e consistirán na entrega dun diploma acreditativo e dun agasallo que nesta ocasión será unha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo de Gundivós. O día 27 de setembro, Día Mundial do Turismo, está previsto a celebración dun acto de entrega das distincións no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

Na primeira edición destes galardóns, celebrados o ano pasado, foron recoñecidos o Concello do Vicedo, a asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra, co premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense; e a aplicación Xantarda e o restaurante Cantábrico da Fonsagrada, con ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense.