Etiqueta Negra volverá a Pontevedra en decembro




Despois de dous anos de agarda obrigada por mor da pandemia (a última edición celebrouse en 2019), a feira profesional ‘Etiqueta Negra, Gourmet Galego e Innovación Inspiradora’, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, volverá a Pontevedra o vindeiro mes de decembro.

Así o anunciou a responsable do departamento municipal, a edil socialista Yoya Blanco, quen explicou que “esta quinta edición do evento desenvolverase cun dobre obxectivo: por unha banda, apoiar e axudar aos profesionais do sector a relanzar os seus negocios nestes momentos tan complicados e, por outra, continuar a difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.

Etiqueta Negra 2021 terá lugar no Recinto Feiral os días 10, 11 e 12 de decembro e, tal e como sinala Blanco, “xa se iniciou a comercialización do seu espazo feiral, na que, como acontece desde a posta en marcha deste evento, primarase a singularidade, a orixinalidade e a maior calidade das referencias fronte á cantidade de expositores”. “Queremos que a edición deste ano -subliña a concelleira de Promoción Económica- volva converterse nun éxito de asistencia, xere negocio para as empresas participantes e siga contribuíndo a destacar a singularidade, orixinalidade e máxima calidade dos nosos produtos”.

Adaptada aos novos tempos, a feira abrirá as súas portas coas medidas necesarias para garantir a seguridade de tódolos expositores, profesionais e público visitante. Tanto a organización do certame como o propio Recinto Feiral de Pontevedra contarán cun plan de seguridade específico, seguindo as normas establecidas polas autoridades sanitarias.

Yoya Blanco considera que Etiqueta Negra “é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector gourmet galego e profesionais da alimentación, a restauración e a distribución, así como para consumidores que valoran cada día máis o que degustan”.