Estudan a adecuación e uso do faro de Illa de Sálvora


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Autoridade portuaria de Vilagarcía estudan proxectos cos que se dinamice a actividade e o uso actual do faro da Illa de Sálvora. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, José Manuel Cores Tourís, visitaron o faro da Illa -cuxa xestión recae na administración portuaria-, co obxectivo de coñecer os intereses desta entidade e a posibilidade de abrir futuras liñas de colaboración, tal e como xa se realizan con outras entidades e organismos, no eido da investigación, do voluntariado ambiental e da formación.

En todo caso, a directora xeral indicou que calquera iniciativa ou proxecto que se pretenda levar a cabo no ámbito da illa de Sálvora deberá respectar e ser acorde ao contido do Plan reitor de usos e xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que entrou en vigor en xaneiro de 2019.

Do Campo recordou que Sálvora é unha das catro illas do único parque nacional que existe en Galicia, que destaca no seu conxunto polo seu enorme valor ambiental, paisaxístico e de biodiversidade, xa que conta con 34 hábitats de interese comunitario dos 90 que hai en Galicia.