Este mércores entrará en vigor o novo protocolo Covid para a hostalería


O novo protocolo ratificado hoxe e acordado en consenso co sector pretende reforzar a seguridade sanitaria e co compromiso coa hostalería segura e de que ningún local deba pechar por completo pese a situación epidemiolóxica do concello no que se encontra.

Deste xeito, establécense de dous niveis, segundo o grao de compromiso do local. Nos de tipo 1, a ocupación máxima será do 50% en interiores e do 75% en exteriores e  terán que cumprir cos requisitos mínimos de seguridade sanitaria pactados: distancia de 1,5 metros entre mesas; exposición pública dos aforos permitidos do local; medidor de CO2, con anotacións como mínimo cada 4 horas; máscaras cirúrxicas para o persoal, que se deben cambiar cada 4 horas; e 2 horas de formación en protocolos covid para o persoal.

En canto aos locais de tipo 2 -aqueles que incrementan os requisitos e as medidas-, poderán chegar ao 75% de ocupación no interior e ata o 100% na terraza; ademais de facer uso das barras, sempre para utilización individual ou de dúas persoas se son conviventes.

Neste caso deberán cumprir cunha distancia mínima de 1,5 metros entre persoas de distintas mesas; cun rexistro de clientes -só para comidas e ceas-; cun medidor de CO2 continuo, coa recomendación de contar con actuadores que fan saltar automaticamente o aire acondicionado cando se supera determinado nivel; disporán de máscaras FPP2 para aqueles empregados que o requiran, facilitándolles probas diagnósticas cada 7 ou 14 días, dependendo da situación epidemiolóxica; e 4 horas de formación en protocolos covid para o persoal.

Aos negocios que acrediten cumprir estas medidas e se acollan a este nivel 2, a Xunta facilitaralles un cartel informativo no que se recollan tódalas medidas nesta categoría e un selo que acredite o seu máximo compromiso fronte á covid-19 protagonizado por Cunchiña, a mascota virtual do Xacobeo 21-22. 

A maiores, reservarase un terceiro nivel de seguridade, para casos extraordinarios cando así o requira a gravidade da situación epidemiolóxica e a ocupación asistencial.