Conclusións do estudo Posta en valor do mel: etiquetaxe nutricional


Cada vez son máis as persoas que se animan a emprender o Camiño de Santiago dende diferentes puntos da xeografía, dispostas a abordar algunha das emblemáticas rutas que lle conduzan a un destino común: a tumba do apóstolo Santiago o Maior sita na Catedral de Santiago de Compostela.

Normalmente, o primeiro paso para quen desexa iniciarse nesta experiencia é recadar información acerca do itinerario, así como das pautas e consellos que poidan axudarlles na súa peregrinación. Indicacións sobre produtos a consumir para non perder os folgos, material que portar para evitar que xurdan feridas ou ampolas no transcurso da viaxe e anotacións acerca dos imprescindibles que sumar á mochila.

O mel é ben coñecido polas súas importantes características terapéuticas, a súa demostrada capacidade enerxética e reconstituínte, tres propiedades tremendamente beneficiosas á hora de emprender o Camiño. Cabe destacar a superioridade do Mel de Galicia con Indicación Xeográfica Protexida no que respecta á vitamina C, ao contido mineral e antioxidante con respecto a outros meles do mercado

Dende hai séculos, o mel serviu como potente reconstituínte para os peregrinos tras o grande esforzo que supoñía a realización do Camiño de Santiago, sabedores das propiedades que o ouro doce tiña como recuperador muscular e fonte de enerxía. Por iso mesmo, a día de hoxe son moitos os deportistas que inclúen o mel antes, durante e despois do seu adestramento.

Os beneficios son claros. O Mel de Galicia é un produto natural e fresco que se produce de forma totalmente artesanal. Un alimento moi nutritivo con importantes características terapéuticas que achega ao organismo azucres simples de fácil asimilación, proteínas cunha boa parte de aminoácidos esenciais, oligoelementos e vitaminas.

Por iso mesmo, a súa capacidade enerxética está demostrada, sendo un alimento completo que reduce o estrés metabólico, proporciona unha resistencia maior en casos de cansazo grazas tamén ás súas propiedades antioxidantes e estimula a relaxación, promovendo a recuperación a través do correcto descanso. Por se fose pouco, é un potente axente antiséptico e antimicrobiano, o que o convirte nun aliado efectivo contra esas úlceras ou lesións que poidan xurdir polo camiño.

Por que o Mel de Galicia con Indicación Xeográfica Protexida Se estás preocupado por levar unha alimentación saudable e procuras sempre a máxima naturalidade, excelencia e obter todos estes beneficios a través da mellor das fontes, entón busca sempre a contraetiqueta Mel de Galicia Indicación Xeográfica Protexida. O noso mel destaca por posuír un contido mineral e unha riqueza en vitamina C claramente superior aos valores de referencia e un contido antioxidante a destacar entre todos os demais.

O dí o estudo Posta en valor do mel: etiquetaxe nutricional realizado pola Universidade de Vigo e financiado pola Consellería do Medio Rural, Ministerio de Medio, Medio Rural e Mariño, así como o Feader. Tamén evidenciou que, en función da procedencia botánica do mel, existen diferencias a nivel nutricional, beneficios e propiedades.

Por exemplo, o mel de breixo, o de castiñeiro e o de silva posúen un maior contido en elementos minerais como son o potasio, o magnesio ou o calcio. Mentres, ao me de eucalipto atribúenselle propiedades biolóxicas beneficiosas para os problemas das vías respiratorias.

Tempo de esmelga

Mel de altísima calidade, aínda que máis escasa inmersos na temporada da esmelga, todas as previsións apuntan a que será un ano de produción irregular dependendo das zonas, sendo menor que a do ano pasado nalgunhas áreas xeográficas. Así, na zona da costa a produción vai ser menor que o pasado ano e, con respecto a un ano normal, serán en xeral dun 80% menos. O interior preséntase un pouco máis irregular, algunhas áreas continuarán máis ou menos na liña do ano pasado, mentres que noutras a produción descenderá.

A meteoroloxía galega nos meses da primavera propiciou este feito, dada a baixada dos termómetros, as intensas chuvias e a inestabilidade climatolóxica. Todo iso contribuíu a que nalgunhas colmeas as propias abellas consumiran toda a produción da que dispoñían e noutras chegasen a fenecer por mor da fame.

Tamén influíu moito o verán tan cambiante que vivimos a nivel climatolóxico para propiciar a escaseza do tan prezado ouro doce. Todos estes feitos non inflúen nos estándares de calidade do mel, que continúan a ser altísimos. Tampouco repercutirán no ranquing, xa que a IXP Mel de Galicia continúa sendo a denominación de calidade do mel que máis mel certifica de toda a península ibérica.