Arranca a décima edición das Xornadas de Carne de Boi de Allariz



Dende hoxe ata o vindeiro 12 de outubro a hostalería de Allariz volcarase coa décima edición das Xornadas de Carne de Boi, ofrecendo tapas e menús cuxo ingrediente principal será a exquisita carne de boi de Allariz. Pinchos preparados de diferentes e saborosos estilos, menús e pratos para todos os petos onde non faltarán tapas xa tan tradicionais como os callos de Boi ou a empanadilla de Carne de Boi, así como propostas novedosas como pizzas ou gyozas con carne de boi. 

Volta o concurso de tapas, no que 18 tapas de 2€ competirán por ser a elixida dos comensais como a Mellor Tapa desta edición. Unha das novidades deste ano será un premio local para premiar a gran participación e fidelidade de todas as veciñas e veciños que ano tras ano participan nestas xornadas. “Papando no Boi” será a recompensa que recibirá a primeira persoa, con tarxeta cidadá, que consuma as 18 tapas que participan no concurso de 2021, cun premio directo de 100€ para gastar no comercio local. Ademais como en edicións anteriores, haberá un premio de 250€ entre todas as cartillas que acumulen todas as tapas participantes, e unha cea para dúas persoas para aquelas cartillas que degusten 9 tapas.

Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz fixo fincapé na importancia que ten o proxecto de Carne de Boi de Allariz para a economía local, así como o aproveitamento dos recursos que temos no noso territorio. 
As Xornadas de Carne de Boi son un gran aliciente para a poboación local, xa que dinamizan durante tres semanas o comercio e a hostalería. Segundo María López, concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo a veciñanza alaricana é unha gran embaixadora da Carne de Boi de Allariz.

Briugu Allariz comercializa Carne de Boi de Allariz, ademais de no Mercado, tamén distribúe á hostalería participante. Xosé Romero, xerente da empresa, sinala a gran calidade da carne de boi , de raza limiá, producida en Allariz. Neste ano destinaranse para as xornadas, 6 bois, ao redor de 2200kg de carne.