Abraham Olano apadriñou a primeira edición da "Ribeira Sacra Cycling Road"


O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no parador de Santo Estevo de Ribas de Sil ao campión ciclista nacional e internacional Abraham Olano, que o pasado domingo participou como padriño na primeira edición da "Ribeira Sacra Cycling Road", unha marcha de cicloturismo organizada polo Inorde e a Axencia de Turismo de Galicia e na que 335 deportistas percorreron sete concellos deste territorio, "nun escenario máxico onde a Deputación segue a impulsar ese ecosistema de turismo deportivo polo que tanto apostamos e que está a dar importantes froitos", afirmou Manuel Baltar.

O presidente provincial expresou a súa satisfacción "por contar para esta proba con toda unha lenda do ciclismo", lembrando a súa traxectoria como corredor profesional, onde foi campión do mundo en ruta e contra o reloxo (1995 e 1998) sendo o primeiro ciclista masculino da historia en logralo, campión de España nestas dúas modalidades (1994 e 1998), medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Atlanta (1996), ganador de La Vuelta a España (1998) e conseguiu un cuarto posto no Tour de Francia (1997)

"Olano acompáñanos para promover as bondades desta modalidade e da práctica deportiva en xeral nun lugar perfecto para o ciclismo como a Ribeira Sacra, que xa coñeceu durante a súa etapa como director técnico de La Vuelta, sen esquecer que tamén estiveron presentes destacados ciclistas ourensáns como o limiao Carlos Canal, que vén de participar na recente edición de La Vuelta, ou o allaricense Iván Feijoo, dobre campión de España Sub-23 de ciclocrós".

O ciclista vasco, que tamén agradeceu a invitación como padriño desta proba, afirmou que "na Ribeira Sacra tendes un lugar idóneo para a práctica do ciclismo, sexa como afeccionado ou como profesional, neste último caso cun territorio moi axeitado para carreiras esixentes e de gran dureza". "Un entorno envexable –dixo- que invito a coñecer a todo o mundo".

A "Ribeira Sacra Cycling Road" discorrerá polos municipios de Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira, permitindo aos participantes optar por tres posibles percorridos en función da súa preparación: gran fondo de 115 quilómetros e 2.700 metros de desnivel en ascenso; medio fondo de 100 quilómetros e 2.200; e mini fondo de 65 quilómetros con 1.400 metros de desnivel. A proba, de carácter non competitivo, comezará ás 9.30 horas con saída desde Luíntra, no Concello de Nogueira de Ramuín