A vangarda cinematográfica, eixo da nova edición de Curtocircuíto


A 18ª edición de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine pon a mirada sobre a vangarda cinematográfica, proxectando as creacións máis recentes e arriscadas do panorama internacional na Sección Oficial, composta polas seccións Explora e Radar. O certame, organizado polo Concello de Santiago de Compostela e que conta co financiamento da Deputación da Coruña, AGADIC e o ICAA, exhibe do 2 ao 10 de outubro en Santiago de Compostela pezas de cineastas imprescindibles, así como propostas daqueles que despuntan co seu traballo máis actual. A Sección Oficial de Curtocircuíto 2021 reúne un total de 15 estreas, oito delas a nivel estatal e sete en Galicia.

A programación de Radar e Explora está composta por 39 películas de 21 países diferentes que encherán as salas de Curtocircuíto de risco creativo, diversidade e novas linguaxes, á vez que unha selección delas estará tamén dispoñible na sede en liña do festival, a canle de Curtocircuíto en Filmin, continuando así co formato híbrido da edición anterior. 

Radar: nodos no mapa cinematográfico

Unha edición máis, Radar recolle as propostas menos convencionais do cinema narrativo deste ano. Como o mecanismo tecnolóxico que lle dá nome, esta sección destaca os hits das mellores obras recentes. Un total de 21 propostas cinematográficas que funcionan a modo de pequenos puntos nun mapa: aínda que parecen distantes e separados, a súa análise permite ver esas pequenas conexións que xorden de forma automática ao combinar estas obras. 

A autodefinición da identidade, os paraísos artificiais das drogas ou aqueles formados na brecha que é o glitch, ou a sublimación do exceso, son algúns dos tags que responden a unha sección onde repiten cineastas como a británico-arxentina Jessica Sarah Rinland, que presenta o seu último traballo Sol de Campinas; o guionista e director canadense Guy Maddin, que participa con The Rabbit Hunters; a francesa Marie Losier, que mostra o seu traballo Taxidermisez-moi; ou Bertrand Mandico, quen exhibe en Curtocirtuíto Dead Flash. Estes nomes comparten sección con outros novos membros da familia Curtocircuíto como son Pat Heywood e Jamil McGinnis (Gramercy); Sofia Bohdanowicz (Point and Line to Plane); ou Sophie Littmann (Sudden Light).