A recuperación dos soutos nos Ancares, finalista da Copa España Creativa



A Deputación de Lugo defende este venres na fase final da Copa España Creativa 2020 que se celebra en Orihuela o proxecto de recuperación, conservación e aproveitamento económico sostible dos soutos existentes na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá co que concorreu a este certame. A institución provincial foi a gañadora da fase do voto popular, co 35,6% do total dos apoios, moi por diante do segundo clasificado.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o xefe de servizo da área provincial de Medio Ambiente, Luis Fernández Reija, serán os encargados de explicar a iniciativa provincial mañá, a partir das 17:30 horas, no Forum Orihuela 2020, xunto ao resto de proxectos da categoría Creatividade e Innovación Social e Territorial. Nesta segunda fase do concurso, será un xurado experto, que sumará un 60% da puntuación do voto final, o que valore a calidade da iniciativa, recoñecendo a creatividade e a innovación para o desenvolvemento sostible do territorio.

Haberá unha única iniciativa gañadora, que será a encargada de organizar a vindeira edición deste evento de primeiro nivel con representantes de toda España. Entre os finalistas atópanse autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de toda España. O gañador coñecerase na Gala Final do Fórum Orihuela 2020 que se celebra a noite do sábado.

O Deputado de Promoción Económica e Social destacou que “chegar ata aquí xa é un moi bo resultado, e demostra o bo traballo que se está realizando na provincia compaxinando a protección e o coidado do medio ambiente co desenvolvemento social e económico sostible do territorio para xerar riqueza e emprego, e para fixar poboación no rural”.

A defensa do proxecto pode seguirse en directo a través da canle de Youtube de España Creativa: https://www.youtube.com/watch?v=R2M0EuMh_OU.

O proxecto presentado

O proxecto que a Deputación presentou á Copa España Creativa 2020 ten como obxectivo a recuperación, conservación e aproveitamento económico sostible dos soutos existentes na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, dentro do compromiso e o traballo que se leva a cabo dende a Deputación de Lugo para xerar riqueza e emprego sostible no rural lucense, e fixar así poboación, aproveitando para iso os recursos naturais propios.

O traballo foi desenvolvido en colaboración coa cooperativa ancaresa A Carqueixa, membro do órgano de participación da Reserva, e integra tres liñas de actuación: a elaboración dun mapa dos bosques de frondosas autóctonas que, segundo os labores desenvolvidos representan o 28% da Reserva con 15.000 hectáreas; a elaboración dun mapa de masas de castiñeiros que, con preto de 5.000 hectáreas, supoñen o 9% deste espazo natural e das cales 1.000 hectáreas están catalogadas como monte comunal de titularidade municipal; e a identificación da verdadeira propiedade dos montes comunais dos soutos de Vilor, en Navia de Suarna, e Vilaver, en Cervantes, para proporcionar a seguridade xurídica que posibilite a súa explotación e conservación.

A recuperación e posta en valor dos soutos e a modernización da produción supoñen unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras, pero ademais favorecen a ordenación do territorio e a prevención dos lumes forestais, e contribúen á conservación de hábitats protexidos e ao mantemento da súa biodiversidade.