A recuperación dos soutos dos Ancares, proxecto gañador da Copa España Creativa 2020


O proxecto da Deputación de Lugo para recuperar, conservar e poñer en valor os soutos da Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá alzouse esta fin de semana coa Copa España Creativa 2020, nun evento celebrado en Orihuela, superando á vintena de candidaturas que concorreron como finalistas a este certame de ámbito nacional, no que participan autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de todo o país con proxectos innovadores para o desenvolvemento sostible do territorio.

A institución provincial xa gañou na primeira fase do concurso, a votación popular, onde recibiu preto do 40% dos votos, moi por diante do segundo clasificado. Esta posición de liderado foi ratificada onte polo xurado experto, despois da defensa do proxecto que realizou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao xefe do servizo provincial de Medio Ambiente, Luis Fernández Reija.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, expresou este domingo a súa “enorme satisfacción” polo premio, que supón “un importante recoñecemento ás políticas e á estratexia que promovemos para apoiar ao rural e ao sector primario, e para favorecer deste xeito o desenvolvemento social e económico sostible do territorio, xerar riqueza e emprego, ordenar o territorio e fixar poboación”.

Agora, a Deputación, como gañadora da Copa España Creativa, será a encargada de organizar o vindeiro ano este evento, que reunirá a colectivos e institucións de toda España. “Sen dúbida, ser a sede deste certame no 2022 contribuirá de maneira moi importante á promoción de Lugo a nivel nacional e mesmo internacional, da nosa riqueza patrimonial, medioambiental, cultural ou gastronómica, o que terá un impacto positivo na actividade do turismo e da hostalería durante a celebración do congreso e tamén a medio e longo prazo”, destacou o Presidente.

O proxecto gañador

O proxecto co que a Deputación de Lugo gañou a Copa de España Creativa 2020 ten como obxectivo a recuperación, conservación e aproveitamento económico sostible dos soutos existentes na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, dentro do compromiso e o traballo que se leva a cabo dende a institución provincial para xerar riqueza e emprego sostible no rural lucense, e fixar así poboación, aproveitando para iso os recursos naturais propios.

O traballo, que foi desenvolvido en colaboración coa cooperativa ancaresa A Carqueixa, consistiu en tres liñas de actuación: a elaboración dun mapa dos bosques de frondosas autóctonas que, segundo os labores desenvolvidos representan o 28% da Reserva con 15.000 hectáreas; a elaboración dun mapa de masas de castiñeiros que, con preto de 5.000 hectáreas, supoñen o 9% deste espazo natural e das cales 1.000 hectáreas están catalogadas como monte comunal de titularidade municipal; e a identificación da verdadeira propiedade dos montes comunais dos soutos de Vilor, en Navia de Suarna, e Vilaver, en Cervantes, para proporcionar a seguridade xurídica que posibilite a súa explotación e conservación.

A recuperación dos soutos supón unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras, pero ademais favorece a ordenación do territorio e a prevención dos lumes forestais, e contribúe á conservación de hábitats protexidos e ao mantemento da súa biodiversidade.

L