A pontevedresa praza da Ferrería acolle esta fin de semana Pontebirra


Ata 70 tipos de cervexas artesás diferentes terán a oportunidade de degustar os amantes do elixir de cebada e lúpulo ata o domingo 19 de setembro que se acheguen á Praza da Ferrería para asistir á agardada feira Pontebirra 2021. O evento, organizado pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns grazas á colaboración da Concellería de Promoción Económica e Turismo, contará con firmas procedentes de toda Galicia e doutros puntos de España, como Madrid e Toledo.

A pesares das limitacións que a pandemia motivou na programación desta nova edición da feira da cervexa artesá de Pontevedra, este festival de carácter familiar, que ten como obxectivo principal fusionar a cervexa artesá coa comida de rúa e de xerar un espazo cultural diferente, tamén ofertará obradoiros, xogos populares de madeira para tódalas idades, música ambiente e food trucks.

Entre os expositores figuran Nós Cervexa Artesanal (Vigo), Trisk-Ale (Nigrán), Atlántica (Vigo), Menduíña (Cangas), Irmaos de Lei (Vigo), The One (Sanxenxo), Bubela (Lugo), Go (Madrid), San Nicasio (Leganés), Alé Alé (Uxes, A Coruña), Meiga (Pontevedra) e La Sagra (Toledo).

Moi variado será tamén o menú gastronómico ofertado polos food trucks instalados durante os días de feira, coa participación de Monster (grellada), Chac Mool (Tex-Mex), Caleyes (comida asturiana), Crepería Sebastián (crepes), Pizzería Artesá (pizzas), Baden Baden (salchichas alemás) e Croquetas De (croquetas artesás).