A hostalería galega pecha un acordo para levar a cabo unha apertura estable

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron unha xuntanza por videoconferencia con representantes da hostalería na que pecharon un acordo para levar a cabo unha apertura estable dos locais en toda Galicia que garanta o acceso con independencia da situación epidemiolóxica de cada lugar. O acordo será abordado polo comité clínico na reunión desta tarde. 

Alfonso Rueda destacou a importancia de ofrecer este “marco estable” grazas a este “documento de consenso” que supón un modelo pioneiro en toda España que, segundo explicou, “probablemente sexa seguido tamén noutros territorios”. 

Tamén incidiu na participación activa do sector na toma de decisións e o diálogo ao longo destes meses para chegar a acordos coma este consensuado coas catro asociacións provinciais de empresarios de hostalería e co Clúster Turismo de Galicia. Así, engadiu que o cumprimento das restricións sanitarias acordadas ata agora, “foi precisamente o que axudou a chegar a esta situación e poder dar este paso cun documento baseado na responsabilidade que suporá un avance definitivo para o sector”. 

Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade avanzou que o novo protocolo establecerá dous niveis con distintas condicións en canto ao cumprimento das normas anticovid por parte dos establecementos para acadar unha maior capacidade. 

Noutro encontro con representantes do sector do ocio nocturno, a Xunta propuxo trasladar un modelo similar ao pechado coa hostalería pero adaptado ás condicións específicas destes locais, coa previsión de chegar a un texto consensuado a finais deste mes. En ambas reunións tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

O Goberno galego continúa a axudar aos establecementos de ocio nocturno para minimizar o impacto das restricións sanitarias, xa que foron os que máis tempo permaneceron totalmente pechados. 

A Xunta xa empezou a pagar as axudas aos 415 locais beneficiarios da liña de 4 millóns de euros para reactivar o sector. As axudas aos propietarios destes establecementos 

-discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festa, salas de concerto e outros asimilables-, súmanse ao paquete de medidas aprobado en 2020 para paliar tamén os efectos do peche destes establecementos, dotado con 4,8 millóns de euros  En total, entre o anterior plan e a actual convocatoria de axudas directas, o investimento da Xunta para apoiar ao sector na súa reactivación ascende aos 8,8 millóns de euros.