A hospitalidade sempre no Camiño de Santiago


Referímonos ao Camiño de Santiago, a ruta cristiá de peregrinación mais antiga, concorrida e importante de Europa. Falamos do Camiño coma un dos eixes vertebradores do Vello Continente. Glosamos o Camiño como lugar de encontro e espazo de comunicación. E procedemos ben, pero sempre que poñamos por diante o primeiro sinal identitario da ruta xacobea: a hospitalidade. Quere dicir a acollida xenerosa, a atención humana e a axuda incondicional ao peregrino da man da charitas-caridade evanxélica. 

A hospitalidade continúa case 1.200 anos despois dos primeiros pasos peregrinos a Santiago de Compostela encamiñados (s. IX) ao abeiro de misteriosas luminarias, lendas marabillosas e vidas, viaxes e milagres namais desde a fe intelixibles. Eis o gran prodixio apostólico: a longa duración do Camiño superando as dificultades do devir histórico e mesmo revivindo con renovados azos despois de oscuros períodos nos que o devalo semellaba ser a única referencia. Viviu a ruta xacobea mais dunha inventio  (descubrimento). Tamén nistes tempos atribulados, críticos e pandémicos.

Tempos os nosos tamén marcados pola prolongación do Ano Santo -ou Xubilar- Compostelán (2021-2022), a terceira autorizada, desde o s. XIX, polo Papa -beizón, Francisco- para facer fronte ao tremendo e persistente impacto da covid-19. Nunha faser caracterizada polo agrandamento das desigualdades, o nada disimulado incremento da pobreza e as agresións contra as Persoas e a Natureza, ben está que, alomenos, e ademais de invocala, se practique tamén a tradicional hospitalidade no Primeiro Itinerario Cultural Europeo. 

O Camiño, que ten de sempre o seu final en Compostela de Galicia, acada hoxe, desde  distintas sensibilidades relixiosas, dimensión ecuménica, consonte coa mundialización que todo o informa, desde os admirables logros tecno-científicos á perpetración de conflictos de toda caste. O iter, multiplicado en centos de vieiros europeos (dez oficiais en Galicia), continúa a ser espazo de encontro e diálogo cun mesmo e cos outros. Tamén coa Natureza, coa que o peregrino convive no seu slow travel (camiño lento).

Contemplaba, avanzado agosto, grupos de peregrinos por terras de Portomarín (Lugo) no Camiño Francés. Nótase felizmente esa presenza nesa e nas outras rutas xacobeas. E que dure, sempre baixo o sinal da hospitalidade, da imprescindible charitas. ¡Bo Camiño!

Xosé M. Palmeiro