A Federación Española de Asociacións de Enoloxía escolle Ourense para celebrar VinEspaña

Ourense acollerá en abril de 2022 o IV Concurso Nacional de Viños, "VinEspaña", organizado pola Federación Española de Asociacións de Enoloxía (FEAE), e que contará co apoio da Deputación, anunciou o presidente provincial, Manuel Baltar, trala reunión que mantivo co presidente da federación, Luis Buitrón. "Una excelente noticia que parte da decisión unánime da xunta directiva desta entidade, que tivo en conta a alta participación de adegas ourensás nas anteriores edicións e maila histórica vinculación da provincia de Ourense co mundo do viño", destacou Baltar.

O presidente da Deputación quixo subliñar "o apoio incondicional que vimos prestando a un sector estratéxico para a nosa provincia, pero non só pola súa proxección económica e de oportunidade para o desenvolvemento do rural, senón tamén por un produto que se presenta como embaixador nacional e internacional dunha actividade fortemente ligada á nosa historia, cultura, natureza e patrimonio, como así o demostran as catro denominacións de orixe asentadas no noso territorio das cinco existentes en Galicia".

"Esa vinculación co potencial da provincia tamén está recoñecido no termalismo", engadiu Manuel Baltar, polo que a Deputación de Ourense e a Federación Española de Asociacións de Enoloxía estudarán a posibilidade de situar a sede do IV Concurso Nacional de Viños nas instalacións do balneario de Laias. 

Luis Buitrón, pola súa banda, explicou ao presidente provincial os detalles dun evento que naceu coa idea de poñer de relevo o traballo dos enólogos e co obxectivo de "estimular a produción de viños de gran calidade, favorecendo o seu coñecemento entre os consumidores e contribuíndo á expansión da cultura do viño". Desde a súa creación en 2018, o concurso celebrouse en Jeréz de la Frontera (Cádiz), Zaragoza no 2019 e Almendralejo (Badaxoz) en 2021, co paréntese do pasado ano como consecuencia da pandemia. Agora, a xunta directiva da federación escolleu por unanimidade Ourense para celebrar a cuarta edición, entre o 28 e o 30 de abril de 2022.

No concurso, recoñecido pola Unión Internacional de Enólogos, poden participar todas as adegas, con todas as súas variedades e tipos de viños, establecendo dez categorías: espumosos, de agulla, brancos, rosados e tintos tranquilos, viños de uvas sobremaduras, uvas pasificadas, de licor, ecolóxicos e de variedades minoritarias. 

Os premios outórganse tanto á calidade do produto como ao traballo dos enólogos que os elaboran, mentres que os viños galardoados coa distinción "Gran VinEspaña de Ouro" serán presentados e catados durante a celebración de FENAVIN e ENOMAQ, os dous eventos máis importantes do sector vitivinícola de ámbito nacional e internacional. O xurado estará constituído por un panel de cata de expertos entre os que figurarán enólogos de relevancia, xornalistas especializados e outros profesionais cualificados da cadea do viño.