A Deputación de Pontevedra destina 314.000 € á implantación do SICTED


O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para contratar o servizo de implantación e desenvolvemento do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) na provincia. A Deputación destinará máis de 314.000 € para revalidar o seu compromiso coa calidade turística no 2022 e 2023 porque, como asegurou a presidenta Carmela Silva, "apostar pola calidade é o instrumento fundamental para seguir crecendo como destino turístico sostible".

O novo contrato para seguir implantando, consolidando e desenvolvendo o SICTED na provincia vai aliñado co Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023, que marca entre os seus obxectivos a mellora da competitividade do destino e contempla accións encamiñadas a espallar o compromiso coa calidade. Deste xeito está previsto que se desenvolvan actividades para a consolidación, xestión, formación e continuidade do SICTED e crear e manter, así, unha estrutura permanente de xestión da calidade na provincia.