Ourense insiste no turismo deportivo para dar visibilidade á provincia


A Deputación de Ourense continúa a impulsar o turismo deportivo provincial coa celebración da segunda edición do "Trail do Xurés", proba que se disputará o vindeiro sábado, 25 de setembro, a partir das 16.30 horas, no termo municipal de Muíños. A presentación do evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

O "Trail do Xurés" forma parte do "ecosistema de turismo deportivo que estamos a poñer en valor desde hai tempo asistindo, nestes últimos tempos, case a proba por semana como a "Arnoia Termal Bike", a marcha cicloturista pola Ribeira Sacra, a Volta Ciclista Feminina a España e, en definitiva, seguimos con esa aposta desde o goberno provincial e nesta ocasión en Muíños que é unha das postais da provincia de Ourense e de Galicia, con ese Complexo Turístico do Corgo, que desde a Deputación temos o compromiso de continuar a impulsar porque poucos lugares hai en Galicia tan fermosos e que se adapten tanto a esa idea que temos de turismo deportivo", explicou o presidente da Deputación de Ourense.

Os participantes no "Trail do Xurés" como no resto de probas deportivas son "prescriptores de opinión e repiten e recomendan, e grazas á Gladiator Race e ás outras probas que puxemos en marcha nos últimos tempos, estamos a dar visibilidade a este territorio", dixo Manuel Baltar, quen lembrou que estamos a pouco tempo de que chegue o AVE e "este tipo de probas, coas que xa temos experiencia e coas que quedou acreditada a capacidade de xestión para poñelas en marcha, van a ser lanzadeiras dese protagonismo que Ourense merece", dixo Manuel Baltar.