A Deputación da Coruña colabora co Festiletras do Couto


A Deputación da Coruña colabora na organización da 39 edición do Festiletras, un encontro que converte a aldea do Couto, no concello de Ponteceso, no centro da vida cultural e científica de Galicia durante os primeiros días de setembro.

Do día 1 ao 5 deste mes, esta pequena localidade ofrece obradoiros, concertos, unha feira de artesanía ou talleres científicos literarios, entre outras moitas actividades.

Guadi Galego, Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán, Rosa Aneiros ou Ángel Carracedo son algúns dos artistas, escritores e divulgadores científicos que participarán neste encontro que "demostra que o rural está vivo e que se debe potenciar con eventos como este, que converten lugares como O Couto en auténticos referentes da cultura e a divulgación científica", sinalou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso. 

"Impulsar a cultura e aos seus creadores e creadoras neste momento de reactivación é chave para a recuperación dun dos sectores que máis se viu afectado pola crise da covid-19", destacou, e remarcou a importancia do Festiletras como xerador de economía local en Ponteceso.