A Coruña recupera a Domus e a Casa das Ciencias



A flexibilización das restricións derivadas da pandemia que atañen aos museos permite que os emblemáticos museos científicos coruñeses poidan abrir de novo as súas exposicions interactivas este martes. 

Para a alcaldesa da cidade, Inés Rey, a reapertura da Domus e da Casa das Ciencias supón  "unha boa nova para a total recuperación dunha das nosas señas de identidade" como é a Rede dos Museos Científicos. "Os Museos Científicos son parte do que nos define como cidade e confírenlle á Coruña eses matices que a fan diferente", apuntou Rey.

Co obxectivo de garantir o control das capacidades, é necesario que para realizar unha visita a estes espazos municipais as persoas interesadas reserven a súa entrada na plataforma en liña habilitada para tal fin.

Desde a rede dos Museos Científicos coruñeses informan de que o sistema de reservas seguirá sendo o mesmo que se estaba a empregar para o Aquarium Finisterrae desde a súa reapertura, que permite o acceso por tramos horarios ás instalacións. A duración da visita non estará limitada. As direccións para realizar as reservas estarán dispoñibles próximamente na páxina web dos Museos Científicos: www.coruna.gal/mc2/