Aposta polo turismo mariñeiro


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, realizaron unha travesía a bordo do pesqueiro Playa de Sanxenxo que forma parte dun proxecto de pesca turística promovido ao abeiro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da ría de Pontevedra. Alí ambas destacaron a aposta de Galicia polo turismo vencellado ao mar a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) co obxectivo de promover a diversificación da pesca.

Esa aposta, subliñou a titular de Mar, vese reflectida en proxectos como Praia de Sanxenxo que ensina a persoas que visitan Galicia como é unha xornada laboral a bordo dun pesqueiro, as tarefas propias da pesca artesanal e tamén promove o consumo de peixe fresco. Ao mesmo tempo, con este tipo de iniciativas que poden optar a apoios da Xunta a través dos GALP, amplíase a oferta turística da comunidade galega. Nesta liña, Rosa Quintana, sinalou que con estas achegas do Executivo autonómico desenvolvéronse entre os anos 2016 e 2020 preto de 500 proxectos, que contaron cun total de axuda pública de máis de 30 millóns de euros.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou o valor de proxectos como o Praia de Sanxenxo para coñecer a riqueza medioambiental que ofrecen as rías galegas e as paisaxes da contorna como a vencellada ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Todos estes ingredientes, engadiu, fan deste proxecto unha ferramenta de grande utilidade para poñer en valor a costa galega e concienciar á cidadanía sobre a importancia de coidala.

Vázquez Mejuto destacou tamén que este tipo de iniciativas son unha oportunidade para impulsar o turismo sostible en Galicia, en xeral, e no Parque das Illas Atlánticas, en particular, un espazo único e inigualable que ao longo deste verán recibiu a case 222.000 visitantes (142.000 en Cíes e 80.000 en Ons). Engadiu que hai unha previsión de que esta cifra se poida incrementar en polo menos en 15.000 visitantes máis, dado que a tempada estival remata o vindeiro 15 de setembro.