Son d’Aldea busca recordar a época de apoxeo do mundo rural

A décima edición de Son d’Aldea, que terá lugar o 3 e 4 de setembro. reunirá, na parroquia de Santiago de Alba, a 300 persoas.  Na presentación no Parladoiro de Arqueixal de Palas de Rei, participou  A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto acompañada polo Alcalde da localidade, Pablo José Taboada Camoira, o presidente da Asociación Son d’Aldea, Afonso García Penas, e doutros membros da organización.

Un “encontro que permite vivir en primeira persoa como era a vida da aldea nos anos 40 e 50 e manter a lembranza de cando o rural era o motor da nosa economía e tradición; unha lembranza que aínda vive na memoria dos nosos maiores”, destacou a Deputada.

García Porto sinalou que “dende a Deputación quixemos estar a carón desta cita e darlle visibilidade. Deste xeito, apostamos, a través do Servizo de Audiovisuais provincial, pola elaboración e difusión do evento achegándoo a máis xente e permitindo unha maior visibilidade para unha cita única”. 

Durante dous días os asistentes poderán desfrutar de gran variedade de actividades, como actuacións musicais, rutas teatralizadas ou conferencias. Para a reserva de prazas e maior información pódese visitar a web de Son d’Aldea, https://sondaldea.es/