Semana do Vacún Ecolóxico de Carne en formato on-line co Craega

Na semana do 23 ao 27 de agosto terán lugar unha serie de relatorios sobre o sector vacún de carne ecolóxica, organizados polo O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega).

Os relatorios comezarán diariamente ás 20:00 horas e poderán seguirse a través da canle de YouTube do Craega. Despois de cada relatorio, os espectadores terán oportunidade de facer preguntas e reflexións aos relatores en directo. 

O obxectivo desta actividade é promover o consumo da carne ecolóxica, dando a coñecer as súas características singulares, de calidade e de reporte saudable, coas máximas garantías e beneficio para o medio rural e o medio ambiente galegos. 

En Galicia hai 158 produtores de carne ecolóxica e 5.826 cabezas, cun valor económico de produto comercializado no ano 2020 de 2.223.693 €, datos que poden alcanzar cifras aínda máis elevadas con este impulso e posta en valor do sector.

RESUMO DO PROGRAMA 

Luns 23 de agosto: Enrique Gutiérrez, veterinario e gandeiro, un dos primeiros produtores inscritos no Craega, amosará a súa experiencia no manexo da gandería ecolóxica.

Martes 24 de agosto: Cayetana Pena, dietista-nutricionista con máis de doce anos de experiencia, falará dos beneficios para a saúde da carne ecolóxica.

Mércores 25 de agosto: Isabel Blanco, doutora en Veterinaria e membro do Grupo de Expertos da Unión Europea en produción ecolóxica, e Javier Álvarez, doutor enxeñeiro agrónomo. Falarán de como afecta o medio ambiente á produción de vacún en ecolóxico.

Xoves 26 de agosto: Hector López, chef do Restaurante España (Lugo) e pertencente ao Grupo Nove, que xa colaborou promovendo os produtos ecolóxicos galegos en diferentes campañas, como un showcooking na feira Biofach en Núrenberg, a feira máis importante a nivel mundial de alimentación ecolóxica. Elaborará unha receita con xata ecolóxica.

Venres 27 de agosto: Manuel Cruz, director dos programas da Televisión de Galicia O Agro e Labranza, reflexionará sobre a produción ecolóxica galega e os cambios que foi percibindo na última década.