Rapa das Bestas de Sabucedo con restricións e película de Sorogoyen

Este ano se traslada ao último fin de semana de agosto a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), Festa de Interese Turístico Internacional que, co respaldo da Deputación de Pontevedra, enxalza esta tradición centenaria, o entorno natural no que se celebra e a súa capacidade de proxección internacional para a provincia. 

O presidente da Asociación Rapa das Bestas, Paulo Vicente, explicou que “o último ano e medio foi moi difícil” por mor da pandemia e, trala suspensión da festa en 2020, este ano volverá os días 27, 28 e 29 coas restricións necesarias. “Tomamos todas as medidas para facela con seguridade. Imos vender entradas cun terzo do aforo do curro, celebraremos actividades culturais con 80 persoas sentadas en cada unha, e atenderemos á xente con todo o cariño”, explicou, para reclamar o apoio das administracións. ”É clave para manter o entorno, as rozas e os postos de traballo que permiten atender aos animais en risco de extinción. Temos que conservar o cabalo galego de monte, que é fundamental para Galicia” , advertiu.

A Rapa volverá a concitar a atención de reporteiros fotográficos internacionais e da industria audiovisual. O cineasta Rodrigo Sorogoyen gravará en Sabucedo imaxes do curro para a súa próxima película, As Bestas. “Sabucedo vaise ver en todo o mundo. Faremos todo o posible para que se vexa como unha Festa de Interese Turístico Internacional coas cousas ben feitas”, engadiu o presidente da asociación. Ademais acudirán, entre outros medios, un equipo dun canal checo de televisión e unha produtora de Nova York que está a gravar un documental sobre a Rapa.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla, explicou que a Rapa é unha tradición que “fai de Sabucedo un punto de referencia na Estrada e a provincia, e que identifica aos estradenses e a toda a provincia”. Constenla tendeu a man a asociación e recoñeceu o seu traballo non só para organizar a festa, senon tamén para coidar aos cabalos todo o ano no monte. “Vai ser unha rapa singular, pero era necesaria para o mantemento da cabana. Desexamos que sexa unha vez máis un lugar onde a xente poida desfrutar desta festa internacional”, incidiu.

A presidenta da institución, Carmela Silva, subliñou, na presentación da festa no Pazo Provincial, que “a Rapa é moito máis que unha tradición de 400 anos, o cal xa é dicir moito: é a aposta por manter vivo un entorno natural que é unha marabilla dun valor material e inmaterial incalculable”. Acompañada polo deputado Santos Héctor, o concelleiro de Cultura estradense, Juan Constenla, e representantes da Asociación Rapa das Bestas, a presidenta cualificou Sabucedo como “un núcleo rural máxico”, e animou á cidadanía a visitalo durante todo o mes de agosto. 

 Co respaldo da Deputación de Pontevedra

Carmela Silva expresou o seu apoio as demandas transmitidas polo presidente da asociación, Paulo Vicente, quen lamentou as plantacións nos lugares onde se alimentan os cabalos, o furtivismo e roubo de animais, ou o proxecto para instalar un parque eólico na zona, ademais de pedir apoio económico ás administracións fronte as perdas económicas polo impacto da pandemia e para os coidados da cabana. “Tomo nota, porque son reclamacións xustas”, asegurou Silva, para engadir que “a Deputación aposta pola Rapa, para aportar máis e para esixir a outras administracións que coiden o patrimonio todo o ano”. 

Neste sentido demandou unha planificación enerxética que non prexudique aos cabalos, un plan para que non descenda a cabana e dedicar os recursos necesarios para que a Asociación realice o seu labor. “Facedes un traballo inesquecible. Grazas por este 2021 no que ampliades as actividades, e por estar preparando o 2022 no que imos recuperar toda a grandeza”, incidiu a presidenta, quen animou á cidadanía visitar esta parroquia e A Estrada durante todo o mes de agosto. “Coñecerán lugares cunha natureza privilexiada. Máis alá da festa hai moitísimo por coñecer e unha oferta de todo o tipo. O nome da felicidade chámase Sabucedo”, proclamou.

A máxima responsable da Deputación enxalza que a Rapa representa “os núcleos rurais, a natureza, as tradicións, e as persoas que viven en Sabucedo, valores todos que temos que protexer porque son os que nos identifican e fan auténticas e auténticos”, e resalta que a provincia defende o coidado do medio natural porque é “o noso elemento máis relevante para construír futuro”. A Rapa, eloxiou, “sitúanos como provincia en todo o mundo, con imaxes de Sabucedo nas mellores revistas e canles de televisión, e nos cinemas”. Ese éxito é posible “grazas ao traballo da asociación, un traballo imprescindible para a provincia”, engadiu.