Primeira edición do Concurso de Fotografía Dixital O Camiño Inglés

A Casa das Palmeiras de Neda acollerá ata o vindeiro 16 de agosto unha mostra con 21 das 112 imaxes presentadas ao primeiro Concurso de Fotografía Dixital “O Camiño Inglés”, convocado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Asociación de Promoción do Camiño Inglés. O alcalde de Neda, Ángel Alvariño; o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás; e o escritor Vicente Araguas inauguraban esta mañá a exposición, que poderá visitarse de luns a venres, en horario de 12:00 a 14:00 horas.

Manuel Mirás destacou “a aposta decidida do Concello de Neda polo Camiño Inglés, por iso é un pracer que sexa o primeiro municipio en acoller esta exposición itinerante”. Neste sentido, agardou que “sexa moi visitada e serva para que moitos veciños e veciñas de Neda se animen tamén a facer o Camiño, pois temos comprobado que as persoas que menos visitan o Camiño Inglés son precisamente as que viven nos municipios por onde pasa esta ruta xacobea”.

Exposición

A exposición recolle as 21 fotografías finalistas do I Concurso de Fotografía Dixital “O Camiño Inglés”, das 112 imaxes presentadas ao certame. Un concurso gañado por Julián Medina, pola imaxe “Añoranza do Camiño”; o segundo premio recaeu en Susana Fontenla, por “Unha ponte máxica”; e o terceiro para Nuno Días, por “Neblina”. A fotografía máis votada a través das redes foi Ultreia! Suseia!, de Marta C. Romeo.

O concurso busca aumentar a visibilidade de todos os bens patrimoniais e paisaxísticos desta ruta xacobea, coas que se conformou esta mostra itinerante que visitará os distintos municipios que integran a Asociación de Concellos do Camiño Inglés. Tras a súa presentación na Autoridade Portuaria de Ferrol, onde estivo entre o 19 de xuño e o 3 de xullo, agora inicia a súa itinerancia en Neda.