Presentación da oitava edición dos Premios Martín Códax da Música

A organización dos Premios Martín Códax da Música anunciou a posta en marcha da súa oitava edición, para a que volve contar co apoio económico da Xunta, entre outras entidades. Esta nova convocatoria abre o vindeiro luns día 23 de agosto o período de inscrición de propostas para as 17 categorías musicais convocadas, a través das que se porá o foco nos 51 proxectos que pasen á fase final.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou no acto de presentación que tivo lugar na Sala Sónar de Santiago de Compostela e no que tamén interviñeron os representantes de Músicas ao Vivo, asociación organizadora, así como do resto de entidades e empresas colaboradoras.

Sutil lembrou que estes galardóns veñen contando desde os seus inicios coa colaboración da Xunta como expresión do compromiso do Goberno autonómico coa música que se fai en Galicia e cos profesionais que forman parte dun “ámbito clave para o conxunto das industrias culturais”. En referencia ao impacto da crise sanitaria na súa actividade, sinalou a importancia de recoñecer publicamente o esforzo de todo o sector musical: “De aí que aplaudamos e apoiemos, tanto económica como institucionalmente, a decisión de Músicas ao Vivo de apostar pola continuidade coa celebración desta oitava edición dos seus premios”, afirmou.

Medidas específicas para o sector musical

O responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que a música centra, ademais, unha parte importante das medidas postas en marcha desde o ano pasado a través do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19 posto en marcha pola Xunta de Galicia. Entre elas, destacou a liña extraordinaria de subvencións ao desenvolvemento de programacións musicais no marco do Xacobeo 21-22, os programas Galicia Emerxe ou Directos Xacobeo en Salas, o apoio aos novos formatos dos festivais da marca FEST Galicia, a flexibilización nos criterios de funcionamento da Rede Galega de Música ao Vivo, a ampliación do circuíto Cultura no Camiño ou a adaptación das axudas á distribución musical, á produción fonográfica e a festivais.

A oitava edición dos Premios Martín Códax da Música recoñecerá, así mesmo, este esforzo do sector e, neste sentido, outorgaralles un premio extraordinario ás salas e aos festivais galegos en apoio polas dificultades que atravesan por mor da situación sanitaria. Este galardón conxunto substituirá dúas das modalidades dos Premios Organistrum, que si volven convocarse no caso dos proxectos de comunicación musical.

Gala o 27 de outubro en Pontevedra

Tamén se manteñen respecto da edición de 2000 as 17 categorías musicais. En cada unha delas elixiranse tres propostas finalistas, das que sairán as gañadoras que se darán a coñecer na gala de entrega que terá lugar o 27 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A principios de setembro pecharase o período de inscrición de proxectos, entre os que un xurado profesional seleccionará os finalistas. Xa nunha segunda quenda de votacións, serán os propios socios de Músicas ao Vivo os encargados de decidir os premiados desta oitava edición.