Outro ano sen Feira Franca en Pontevedra



O Concello de Pontevedra quedará por segundo ano consecutivo sen Feira Franca por mor da situación sanitaria derivada da pandemia. A decisión é definitiva, logo de varias semanas estudando posibilidades e opcións. A esencia da Feira Franca parte «da reunión de grandes grupos de xente en mesas particulares e de hostalaría, comendo e gozando», polo que as medidas restritivas que entran en vigor este martes, 17 de agosto, fan «inviábel» calquera tipo de celebración deste tipo, segundo dixo a concelleira de Festas, Carme da Silva.


Ademais das novas restricións de aforo, tamén poden chegar restricións de horario -a información transmitida pola Xunta é ambigua neste aspecto- polo que é imposíbel prever que medidas serán as vixentes no momento da celebración, e imposibilita calquera tipo de planificación nese sentido.

«Colleremos forzas para o vindeiro ano e adicaremos recursos a renovar pezas e estandartes». Doutra banda, o Concello sinala que tampouco instalará ningún tipo de decoración medieval, perante a imposibilidade de darlle un servizo ou unha ambientación real e social. Instalala podería levar a confusión por parte de veciños e visitantes, polo que non se realizará ningunha actuación nese eido.

A concelleira de Festas, Carme da Silva, compareceu perante os medios de comunicación para facer unha valoración das Festas da Peregrina que remataron o domingo, poñendo un punto e aparte na programación cultural e de lecer deste verán. Da Silva destacou a falta de incidencias ao longo dos dez días da Semana da Peregrina, con dispositivos diarios de control e seguridade que foron revisados decotío para manter o compromiso da cultura segura e o lecer da veciñanza.