Os catamaráns da Deputación de Lugo rexistraron en xullo máis dun 90% de ocupación


Preto de 8.000 persoas realizaron no mes de xullo algunha das dúas rutas fluviais en catamarán que ofrece a Deputación de Lugo polos leitos dos ríos Miño e Sil, o que supón máis do 90% de ocupación. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, valora estes datos como “moi positivos, estamos case cubrindo todas as viaxes”.

O perfil das persoas que realizaron as rutas no mes de xullo mudou con respecto aos meses de primavera. “Agora notamos que practicamente todas as persoas que fan as rutas son doutra zona de España, contando con moitos andaluces e cataláns, e tamén percibimos a chegada de persoas estranxeiras, cando na primavera practicamente recibíamos só galegos”.

García Porto tamén adianta que se prevé un mes de agosto moi bo. “Xa temos preto do 70% de ocupación coas reservas rexistradas, algo que indica que probablemente cheguemos ao 100% de ocupación”. A Deputada avanzou que xa non quedan billetes para antes do día 19 de agosto, xa que están esgotadas as prazas salvo que se produzan cancelacións, por iso “animo á xente que se ten pensado facer a ruta, reserve con antelación porque se se agarda ao último momento pode que se quede sen o billete”.

Ata finais de ano, as persoas interesadas en coñecer a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación de Lugo poden acceder á web reservas.rutasembalses.es, ou ben contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas.

Mantéñense os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada. Ata o 12 de setembro as rutas realízanse de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 12 de setembro e ata a Ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día.

O servizo de catamarán funciona adaptándose ás medidas establecidas polas autoridades sanitarias en cada momento e seguindo protocolos propios da institución provincial no marco da súa actuación para extremar a prevención e a contención da Covid-19. Ao igual que a temporada pasada, o aforo das embarcacións está reducido á metade e a frecuencia das viaxes está adaptada para evitar que nos embarcadoiros se produzan concentracións de persoas.