O demo anda solto por Pontevedra


A Festa do Demo cumpre hoxe 20 anos desde a súa recuperación, no ano 2001. A celebración popular permite ver como o Demo invade as rúas de Pontevedra, argallando plans e levando o humor por onde pasa (e algo de medo entre as crianzas), ao mesmo tempo que algúns valentes logran tirarlle do rabo.

Aproveitando o vixésimo aniversario desta cita, o Demo pasou polo Concello, onde foi recibido polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva, para comentar e presumir dalgunhas anécdotas acontecidas ao longo destes anos, e lembrar que aínda que hoxe se manifesta de xeito público, sempre está presente no mundo, e que hai que ter especial coidado cos seus movementos.

O Demo, xunto con algúns membros do seu séquito, puxo logo rumbo aos arcos de San Bartolomeu, para logo iniciar a primeira das súas saídas pola cidade. Ándache o demo ben preto!