O concello vai dar maior pulo ao Santiago (é) Tapas


O concelleiro de Turismo de Santiago e alcalde en funcións, Sindo Guinarte, reuniuse cunha representación da nova directiva da asociación Hostalería Compostela, encabezada polo seu presidente, Thor Rodríguez. Entre os asuntos tratados, figura, segundo sinalou Guinarte, o programa "Santiago (é) Tapas" que se vai manter e ao que se lle vai dar "máis pulo", no marco "das condicións sanitarias nas que sexa posible" desenvolvelo.T

amén se trataron "outras posibles iniciativas e colaboracións conxuntas" que, indicou Guinarte, "iremos concretando nos meses vindeiros para levalas a cabo o próximo ano". O concelleiro de Turismo destacou que a asociación "transmitiunos a súa percepción da situación actual do sector, que en xeral é positiva, e a súa esperanza de que non haxa pasos atrás", e a evolución dos contaxios por covid-19 "permita unha recuperación deste sector, tan importante para Compostela".

Esta reunión foi unha primeira toma de contacto, na que o concelleiro amosou a súa confianza en que se vai seguir mantendo "esa boa sintonía entre a asociación e o Concello de Santiago, porque hai esa vontade entre as dúas partes". A directiva da entidade xa se reuniu, o pasado día 3 de agosto co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e coa concelleira de Urbanismo e Acción Cultural, Mercedes Rosón. Nese encontro, o rexedor compostelá ofreceulle toda a colaboración a nova directiva da entidade. Unha directiva elixida polos asociados a finais de xullo, e presidida por Thor Rodríguez, con Gonzalo A. Fernández como vicepresidente; e un equipo formado por 10 vogais, cinco deles representando ao sector da hospedaxe e outros cinco ao da restauración.

Hostalería Compostela é a asociación que aglutina aos profesionais do sector de Santiago e da súa comarca. Entre os seus obxectivos está promocionar a hostelaría, así como facilitar o traballo do sector, informar de todas as novidades que lles afectan, defender os seus intereses e promover a formación continua dos asociados.