Nova edición do campionato de España de Surf en Valdoviño

A praia da Frouxeira acolle desde onte ata o vindeiro 5 de setembro o campionato de España de Surf, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña. O evento foi presentado no areal de Valdoviño, nun acto que contou coa presenza, entre outros, do alcalde da localidade, Alberto González, a deputada de Deportes, Cristina Capelán, o presidente da Federación Española de Surf, Carlos García Gómez, a subdelegada do Goberno, María Rivas e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete.

A deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, destacou que A Frouxeira será durante esta semana un privilexiado escenario para reunir os mellores surfistas a nivel nacional e para que Galicia intente revalidar o título do ano pasado.

Capelán destacou o apoio da Deputación a eventos deportivos coma este, que ademais de promocionar os valores do deporte "contribúen tamén ao coidado do planeta", xa que o campionato contará co distintivo Green Sport Flag da Asociación do Deporte Español (ADESP), que recoñece aos eventos deportivos respectuosos co medio e comprometidos co entorno no que se desenvolven.

De forma paralela, organízase tamén a primeira edición do Green Wave Market. Un mercado cun enfoque medioambiental no que diversas marcas entidades darán a coñecer os seus produtos e iniciativas medioambientais.

A Deputación da Coruña financia con 22.000 euros o campionato, a través das súas liña de subvencións para grandes eventos deportivos.

Esta edición 2021 contará con modalidades coma surf, bodyboard, longboard, kneeboard e Stand Up Paddle, nas que os e as participantes tratarán de sumar puntos para alzarse co Campionato de España.

Galicia tratará de revalidar o título na última edición edición. Canarias, unha de las grandes favoritas, Cantabria, a gran revelación en 2019, ou as xa consolidadas Asturias e Andalucía, así como Cataluña, Murcia o Melilla bateranse para optar ao máximo galardón do surfing nacional.