#NonCamiñasSoia, campaña para previr a violencia contra as peregrinas

O Pazo de Raxoi e a Praza do Obradoiro acolleron a presentación da campaña #NonCamiñasSoia, que implica ás delegacións do Goberno de Aragón, Navarra, A Rioxa, Castela e León e Galicia. Presentouna José Miñones, delegado do Goberno en Galicia, quen explicou que 1.200 puntos do Camiño de Santiago na nosa comunidade contarán con recursos para previr calquera tipo de violencia contra as peregrinas.

O alcalde en funcións e delegado do Ano Santo 2021, Sindo Guinarte, deulle a benvida e sinalou que o Pazo de Raxoi é o lugar máis acaído para presentar #NonCamiásSoia porque "Santiago é indisociable dos Camiños. Todo o que ten que ver co camiño ten que ver con Santiago". E porque, engadiu, Compostela é un concello comprometido na loita contra a violencia contra as mulleres", tanto desde o departamento de Políticas de Igualdade, con Mercedes Rosón á fronte; como desde a concellaría de Políticas Sociais, dirixida por Mila Castro, quen estaba presente na presentación.

A iniciativa #NonCamiásSoia está dirixida a reforzar a protección das mulleres que fan o Camiño de Santiago. Á presentación, que tivo unha primeira parte na Praza do Obradoiro, tamén asistiron a subdelegada na Coruña, María Rivas; o xefe superior de Policía, José Luís Balseiro; o coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina; e o presidente do Colexio de Farmacéuticos da Coruña, Héctor Castro.

No marco desta campaña, haberá máis de 26.000 carteis e cartóns que se distribuirán en 369 albergues, públicos e privados, 734 farmacias, 79 comandancias e postos de Garda Civil, 12 comisarías de Policía Nacional e 65 dependencias de Policía Local, de todas as rutas dos Camiños de Santiago en Galicia.

Inclúen información de emerxencias e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como da aplicación AlertCops, para comunicar en tempo real calquera alerta con envío de localización. Un código QR enlazaraas cunha web de recursos do Executivo para atender calquera necesidade a través da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, do Ministerio de Igualdade.

Esta campaña encádrase no marco do catálogo de medidas urxentes do Plan de Mellora e Modernización contra a Violencia de Xénero, aprobado en Consello de Ministros o 27 de xullo de 2021, que se compón de 15 medidas coas que se pretende mellorar a detección e acompañamento das mulleres vítimas de violencia de xénero, ademais de pór o foco na implicación de toda a sociedade na erradicación da violencia machista e que xorde do traballo conxunto dos Ministerios de Igualdade, Interior, Xustiza, Sanidade e Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Os datos de violencia de xénero en Galicia mostran, na actualidade, 3.832 casos activos en Galicia neste momento. Por provincias, son 1.731 na Coruña, 1.169 en Pontevedra, 583 en Lugo e 349 en Ourense.