Música, teatro, monicreques, maxia e humor en FalaRedes 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou unha nova edición do programa de dinamización da lingua galega FalaRedes 2021, que por décimo ano consecutivo chega aos concellos e entidades adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia con máis de 180 pases e 30 actividades. 

Valentín García destacou a importancia deste programa de dinamización lingüística para as entidades da Rede de Dinamización Lingüística e para os veciños dos municipios aos que chegará a programación. “Trátase dun amplo abano de actividades que encherá o verán e o outono de programación de lecer en galego e de calidade”, salientou. Nesta liña, engadiu que a iniciativa permite á Xunta de Galicia avanzar no obxectivo de “ampliar a oferta en galego e promover o uso e valorización positiva da lingua ao tempo que apoiamos aos profesionais do sector para superar os efectos da crise sanitaria”, concluíu. 

Do mesmo xeito, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén lembrou que, ademais deste programa, este verán a Xunta de Galicia está a  impulsar máis de 3.000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura. Son actividades que se sumarán á programación especial do Xacobeo 21-22 e que favorecerán a posta en marcha de numerosos eventos que abranguen todas as artes escénicas e propostas culturais e dirixidas a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.

A canda o representante autonómico, participaron na presentación Atenea García, Pepo Suevos, Borxa Ínsua, Emilio Oro, José Expósito, Pepablo Patiño, artistas encargados das actividades do novo FalaRedes; Erica González, representante de Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega; Mariola Cerdeiro, representante de Urdime Socidedade Cooperativa Galega e Elvira Casal, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.

O público familiar, o gran beneficiario para este verán

En total, o FalaRedes repartirá, ata finais de agosto, máis de 30 sesións dunha ducia de actividades de diferente índole entre 26 concellos e entidades adscritas á RDL. Destas actividades, 11 están destinadas a un público infantil e familiar que abrangue dende os máis miúdos, bebés de 0 a 3 anos, como é o caso do espectáculo-obradoiro Derriba da lúa, da compañía Rilo & Penadique, baixo xestión de Culturactiva, ata os adolescentes, o público potencial ao que enfoca o seu monólogo humorístico, Falade galego rapazada... é unha pasada!, da man do coñecido actor e cómico Pepo Suevos. 

Espectáculos musicais, coma o dos Festiculores Troupe; concursos como o Rilla Rilla, da compañía Xarope Tulú (Urdime); maxia para facer soñar a toda a familia, coma a que ofrece o Mago Teto co seu espectáculo O camiño do afiador (Culturactiva) e moito teatro e  monicreques da man de Inventi Teatro, Fantoches Baj, Teatro Ghazafelhos e Títeres Alakrán, tamén baixo xestión de Urdime, entre outros, completan a programación do FalaRedes para este verán 2021.

Propostas do Fondo Xacobeo 21-22

Ademais, e por segundo ano consecutivo, este programa recolle as súas actividades de entre os proxectos seleccionados do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, a iniciativa posta en marcha ao comezo da pandemia a través do Plan de Reactivación Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para inxectar liquidez entre as empresas e autónomos do sector.

Para as persoas interesadas en coñecer a fondo a programación, os lugares e as datas de todas as actividades do FalaRedes 2021 están dispoñibles tanto a través da Axenda de Cultura de Galicia coma do Portal da Lingua Galega, en www.lingua.gal/falaredes.  

O teatro para público adulto lidera o derradeiro trimestre do ano

A partir do 15 de setembro, o teatro para público máis adulto liderará a programación do derradeiro trimestre do FalaRedes 2021 con case 50 funcións de obras de sona como Bernarda, de teatro Malasombra, gañadora de catro premios María Casares o pasado ano ou Gloria Nacional e Romeo e Xulieta: o soño do amor, das galardoadas compañías Teatro do Noroeste e Elefante Elegante, respectivamente, entre moitas outras. A perspectiva de xénero tamén será protagonista indiscutible do FalaRedes 2021 en obras como A compañeira de piso, de Contraproducións, premio do Certame dos Teatros Luchana de Madrid; Elisa e Marcela, da compañía A Panadaría ou Invisibles, de Redrum Teatro.

A cativada e o público infantil e familiar tamén seguirá desfrutando dos espectáculos feitos á súa medida unha vez pasado o verán coa maxia de Micromaxias en Mil maxias máis, o circo de PistaCatro en O camiño con Mezzo, o teatro con O ogrocho, de Ningures Produción ou a música, co Consertasso nas hortas de Brais das Hortas ou Rockciclando con Ramona Órbita, de Pakolas e Laura Romero.