Mexillón de Galicia e a Deputación de Pontevedra estudan vías de colaboración

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva vén de recibir á presidenta do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Lina Solla, no marco dun primeiro encontro de traballo para estudar vías de colaboración que impulsen e modernicen un sector "onde somos os e as mellores do mundo". Carmela Silva amosou a boa predisposición da institución provincial para colaborar cos proxectos que está a liderar o Consello para impulsar o crecemento económico e a creación de emprego. "Estou segura que nos imos entender –remarcou a presidenta – xa que compartimos unha visión do mundo que nos dá o feito de ser mulleres".

"Xa no pasado temos asinado proxectos de colaboración –recordou- e imos, a partir desta primeira reunión, retomar ese traballo conxunto nun momento no que en toda Europa, no Estado e en Galicia, estase a traballar para facer que todos os tecidos produtivos poidan dar un salto cualitativo para seguir avanzando". 

Para Carmela Silva, quen aproveitou a ocasión para enxalzar o papel das mulleres do mar na xeración de riqueza e dinamismo económico en Galicia ao longo da historia, o mexillón galego "que se define pola súa calidade, é un dos produtos que máis nos identifica no mundo". Neste eido, a presidenta fixo fincapé na necesidade de dotar ao sector do impulso necesario en toda a súa cadea de valor, dende a produción ata a comercialización.

Pola súa banda a presidenta do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Lina Solla, quen presumiu do mexillón de Galicia, "o mellor do mundo", e da "demanda fantástica" do produto, adiantou que "imos facer cousas moi importantes xa que temos moitas iniciativas en marcha, dende melloras de trazabilidade ata portuarias, e queremos impulsar actuacións para minimizar a pegada do carbono e a contaminación das rías". "Temos que facer unha forte aposta pola calidade porque temos o mellor produto".