Licitado o proxecto de remusealización do Ecomuseo Forno do Forte

Posicionar Buño como lugar de referencia na tradición oleira da provincia e do país é un dos obxectivos do proxecto de remusealización do Ecomuseo Forno do Forte impulsado pola Deputación da Coruña. Desde as áreas de Patrimonio, que xestiona o deputado Xosé Lois Penas, e de Turismo, que xestiona o vicepresidente Xosé Regueira, vén de licitarse o contrato para esta intervención cun orzamento de 30.000 euros e un prazo para que as empresas interesadas presenten ofertas que abrangue ata o 8 de setembro.

O proxecto contempla unha reestruturación dos espazos expositivos, o que permitirá dotar ao Forno do Forte dun espazo propio para os profesionais da olaría de Buño, onde se amosará unha mostra representativa de cada obradoiro poñendo en valor cada marca persoal e fomentando a artesanía propia e diferenciada. A este respecto, o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas asegura que "unha das fórmulas máis efectivas de protección do patrimonio cultural é dalo a coñecer da man dos e das profesionais que manteñen vivas estas producións artesás, e non só como un recurso de turismo cultural senón tamén como unha forma de asegurar o seu futuro e a súa supervivencia".

Esta reformulación tamén contempla a substitución dos espazos actualmente dedicados á etnografía por salas multidisciplinares nas que, dunha banda, se poidan programar exposicións temporais con especial atención a artistas de proximidade e, doutra, se ofreza ás persoas visitantes un itinerario pola historia e a cultura da olaría. En conxunto, o proxecto implica tamén un novo deseño da panelización e da sinalización, así como a instalación de sistemas de iluminación e sonorización acordes coas novas funcións do Ecomuseo.

Este proxecto enmárcase no traballo de mantemento, potenciación e promoción ao público do Forno do Forte que se está a realizar desde a Deputación da Coruña, ao tempo que incentiva os investimentos con vocación turística en bens histórico culturais como vía de rehabilitación e recuperación do patrimonio.