Licitado o Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia 2022-2027


A Xunta vén de anunciar a licitación para a redacción do novo Plan Director dos Camiños de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia 2022-2027 por importe de case 100.000 euros, co obxectivo de establecer a diagnose de situación, formulación estratéxica e proposta de folla de ruta para a xestión e promoción do Camiño de Santiago ata o vindeiro Ano Santo. 

Tendo en conta a gran fortaleza do Camiño e da posición de motor de recuperación que agora ten da man do Xacobeo, o Goberno galego é consciente dos novos retos de futuro que enfronta esta peregrinación, baixo o prisma de construír conxuntamente un Camiño de excelencia. Por iso faise preciso comezar a traballar na nova folla de ruta que deberá atender a catro eixos básicos de actuación: o impulso da gobernanza, a mellora da xestión, o control dos usos e a difusión e promoción do Camiño.

Este será o segundo Plan Director co que contará o Camiño. O primeiro, o Plan Director e Estratéxico do Camiño 2015-2021 rematará este ano no marco dunha pandemia que marcou as súas actuacións nestes dous últimos anos. 

Grazas ao impulso deste primeiro Plan no que se investiron 67 millóns de euros, o Goberno galego avanzou nos retos de facer do Camiño un itinerario máis acolledor, accesible e sustentable, mellorando o seu trazado no ámbito do embelecemento, da sinalización e da seguridade. Ademais, ao longo dos seis anos de actuación melloráronse os servizos, a acollida e o coñecemento e promoción do fenómeno da peregrinación. 

Novos retos de futuro

Pero o Camiño enfronta novos retos, algúns deles determinados pola pandemia, outros polas novas necesidades do peregrino do século XXI ou pola necesidade de dar resposta aos obxectivos fixados na Axenda 2030. 

Este novo plan deberá darlle resposta a estes retos a través de distintas propostas de actuación que se levarán a cabo no Camiño, no marco dunha aposta pola preservación do seus valores e pola busca da excelencia no que atinxe á experiencia do peregrino, sempre baixo criterios de sustentabilidade, accesibilidade e universalidade que definen o propio fenómeno da peregrinación a Santiago de Compostela.