Impulso á investigación sobre as orixes do mosteiro de San Pedro de Rocas

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén de impulsar a investigación sobre as orixes e a historia do mosteiro de San Pedro de Rocas, que en setembro de 2023 celebrará o centenario da súa declaración como monumento nacional. "Unha efeméride que imos aproveitar para apuntalar a este conxunto monumental, o máis visitado da Ribeira Sacra, como un dos nosos tesouros patrimoniais máis importantes, pois fala da nosa esencia, da nosa identidade e da historia que xurdiu nesta impresionante paraxe natural". 

Con vistas a esta celebración, Baltar anunciou que a Deputación promoverá unha publicación na que xa está a traballar o profesor de historia antiga e arqueólogo, Antonio Rodríguez Colmenero.Nunha intensa xornada de traballo, o profesor Rodríguez Colmenero compartiu co presidente provincial algúns dos avances na investigación que realiza sobre o conxunto de San Pedro de Rocas, traballo no que apunta novidosas teorías sobre a situación do mosteiro, a súa relevancia, a vida naquela época, o protagonismo na etapa sueva ou mesmo as orixes romanas. 

"Unhas interesantes teorías -dixo Baltar- froito da vocación historiadora do profesor Colmenero e que demostran que xa no século V este conxunto era un referente da cultura e un espazo para o nacemento de lendas como as referidas á fonte de San Bieito ou o camiño real".Para Manuel Baltar, San Pedro de Rocas "é o faro inspirador da historia de Ourense, pero non podemos quedarnos só no pasado, senón que ademais de estudar as súas orixes e a súa pegada para coñecer mellor a súa relevancia, este conxunto está chamado a ser unha das pancas de desenvolvemento a futuro, no marco do turismo cultural que estamos a potenciar desde a Deputación de Ourense".

O programa "Destino Turístico Intelixente", o plan de sostibilidade da Ribeira Sacra, e mesmo o plan director co que contará este monumento para a súa conservación e desenvolvemento compatible cos seus valores culturais e de identidade "xa sitúan a San Pedro de Rocas como capital do noso impresionante patrimonio; un traballo de anos no que desde hai tempo estamos a ver os bos resultados obtidos con milleiros de persoas que acoden a visitar este enclave, case 8.000 só no que vai do mes de agosto".