I Descenso Ourense Provincia Termal. Memorial Chelis

Máis de 200 deportistas chegados de toda Galicia, de diversos puntos de España e de Uruguai participaron o domingo, no I Descenso "Ourense Provincia Termal. Memorial Chelis" de piragüismo que se disputou ao longo dun percorrido de 17 quilómetros polo río Miño, entre a capital ourensá e o balneario de Laias pasando por cinco concellos. 

"Unha proba que se converterá nunha homenaxe á auga que identifica á nosa provincia, ao turismo deportivo pero tamén á alta competición, atravesando todo un emblema de Galicia como é o Miño", dixo o presidente da Deputación, Manuel Baltar."Asistimos ao nacemento dun evento do que estamos seguros que será o primeiro de moitos descensos e no que quererán participar os mellores deportistas", dixo Baltar, destacando "a forte vinculación que teñen os deportes náuticos coa nosa provincia e a excepcional postal que esta regata ofrece ao público dunha ruta termal única". 

O presidente provincial comprometeu o apoio da Deputación a unha competición que cualificou como "unha auténtica festa que sen dúbida merece a persoa cuxo nome leva esta proba e que puxo moitisima paixón neste deporte", referíndose así a José Luís González Chelis, fundador da Escola Ourensana Municipal de Piragüismo e finado hai agora tres anos. Vinculado desde os anos 60 do pasado século ao clube Alcalá Galiano e colaborador cos clubs Fontefría de Muíños e Pena Redonda de Ourense, entre o seu palmarés figura unha medalla de prata na categoría K4-1000 nos Xogos Olímpicos de Montreal de 1976.

O presidente da Escola Municipal Ourensana de Piragüismo, José Luis Fernández Bermejo.Jorge Pumar puxo de relevo a importancia dunha regata "que ningunha cidade europea pode facer, xa que vai discorrer pola ruta termal do Miño mostrando todo o potencial que temos na cidade neste ámbito en espazos como A Chavasqueira, O Tinteiro, o Muíño da Veiga e Outariz, ademais da área termal de Barbantes e o balneario de Laias, estes dous últimos no Concello de Cenlle". 

Entre os máis de 200 inscritos figuran deportistas de primeiro nivel como Iván Alonso, cinco veces campión do mundo; os vixentes campións do Descenso do Sella, Miguel Fernández Castañón e José Julián Becerro; e o vencedor en varias ocasións do Descenso do Sil, Fernando García Viso.Cun percorrido de 17 quilómetros, o descenso en piragua pola ruta termal do Miño pasará polos concellos de Ourense, Barbadás, Toén, Punxín, Cenlle e Castrelo de Miño e rematará no balneario de Laias, permitindo ao público o seguimento da proba desde a senda peonil que chega ata Ramirás, pasando por Untes, Outariz e Reza.

A regata tivo tres puntos de saída segundo as categorías. Desde a praia da Antena, entre a ponte nova e romana, os palistas senior K1 e K2. Na Chavasqueira a competición en máster e xuvenil K1 e K2, ademais de máster, senior e xuvenil C1 e C2. Xa en Alongos, no Concello de Toén, os cadetes en K1, K2, C1 e C2, así como tamén para o paleo a pe (padel surf) nas categorías máster, senior, xuvenil e cadete.