Embutidos Suarna volta a ser pioneira na súa adhesión a Son de Lugo


A área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo centra as súas accións na posta en marcha de iniciativas que contribúan a xerar oportunidades de emprego e rendas xustas no sector primario. “O rural só logrará sobrevivir e perdurará como sistema vivo se creamos as condicións necesarias para que as persoas que queiran emprender nel o poidan lograr dun xeito que lles proporcione un modo de vida digno e sostible no tempo, tanto dende un punto de vista social, como económico e medio ambiental”, explica a deputada responsable, Mónica Freire. 

A reflexión ten a ver co apoio que desde a área de goberno provincial se presta á plataforma de comercialización de produtos agroalimentarios Son de Lugo activa desde o pasado mes de xuño. Un feira dixital na que as persoas consumidoras poden mercar hortalizas, verduras e froita, lácteos e queixos, pescado, carne de porco e de tenreira, embutidos, legumes, especias, herbas aromáticas e infusións, viño ou cosmética, da mellor calidade, “a golpe de clic” 

“Durante a pandemia, pero sobre todo no confinamento, as asociacións agrogandeiras trasladáronnos a súa preocupación pola baixada dos prezos e a diminución do consumo na hostalería. Fíxose urxente buscar unha ferramenta que asegurase que a calidade dos produtos repercute directamente no prezo da venda”, comenta sobre a utilidade da plataforma para as pequenas gandarías, producións agrícolas e artesanais que se sumaron á proposta. 

Entre as firmas que se adheriron a esta canle dixital de venda está Embutidos Suarna. A súa impulsora e propietaria Mari Carmen Sánchez foi pioneira na comercialización da androlla fai vinte anos. O embutido por excelencia de Navia de Suarna apenas se coñecía fóra dos Ancares cando decidiu poñer en marcha un pequeno obradoiro no que elaborar esta receita tradicional. O que naceu como un proxecto de autoemprego dá agora traballo directo a seis mulleres, entre o obradoiro e a tenda física. 

A elaboración dos produtos concéntrase nos meses de outono e inverno. Ademais de androllas, dos secadoiros colgan outros embutidos da Montaña como botelos e pigureiros. Tamén chourizo, lombo, cecina, lingua ou touciño entrefebrado. A diversificación contribúe a soster as vendas durante todo o ano. 

Embutidos Suarna aborda un dos retos pendentes do sector primario en Lugo e en Galiza, a creación de valor engadido coa transformación dos produtos. E dálle a volta a outra das urxencias sociais neste ámbito, a dignificación do traballo das mulleres. A empresa remunera e visibiliza unha tarefa feminina, que se facía en todas as casas do rural tras as matanzas e que era imprescindible para conservar a carne durante o ano. 

Nesa sabedoría herdada doutras xeracións de mulleres está o xerme deste proxecto que mira de cara ao futuro. A través da plataforma impulsada pola área de Medio Rural, Embutidos Suarna ten a oportunidade de vender directamente ás persoas consumidoras e pechar o ciclo produtivo sen necesidade de intermediarios. “A comercialización en liña é unha opción que barallamos pero que viamos complicada de afrontar desde unha empresa pequena”, explica. 

“Son de Lugo ábrenos portas para dar a coñecer os nosos produtos fóra e conseguir máis vendas. “E máis vendas, significarían máis persoas traballando e máis posibilidades de afianzar as familias no rural”, apunta con perspectiva de que o impulso da actividade económica ligada á terra e á produción alimentaria axude a virar a deriva demográfica dos Ancares.