E para comer, Lugo xa está en La Vuelta Ciclista a España


O posto de …E para comer, Lugo iniciou esta fin de semana o seu percorrido nesta edición de La Vuelta Ciclista a España da man de Turismo de Galicia e coa colaboración de varios consellos reguladores e asociacións de produtores. 

As condicións provocadas pola pandemia durante La Vuelta 2020 non permitiron que o stand de …E para comer, Lugo viaxase por toda España como viña sendo habitual nos últimos oito anos, pero este verán será de novo posible.

Esta é a novena vez que o posto de …E para comer, Lugo se instala na zona VIP das 21 saídas de etapa, será atendido por persoal da Asociación, que vestirán camisetas deseñadas pola deseñadora lucense Inés López Penelas (INPE) e, ademais de facer promoción turística da provincia, serviranse aos visitantes (ciclistas, patrocinadores, xornalistas especializados…) aperitivos elaborados con produtos da terra e difundiranse exemplares da última edición da guía turístico gastronómica …E para comer, Lugo.

Nas dúas primeiras saídas de etapa, en Burgos e Caleruega (provincia de Burgos), estiveron co equipo do stand de …E para comer, Lugo o exciclista Óscar Pereiro; o presidente da Deputación de Burgos, César Rico; o presidente do Instituto Provincial para o Deporte e Xuventude de Burgos, Ángel Carretón; o prior do Convento de San Pablo de Palencia, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, Cheché Real.