Depomar, un proxecto para visibilizar o traballo das mariscadoras na protección das contornas da rede natura
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da presidenta de Anmupesca, Rita Míguez, da patroa maior da Pastoriza de Vilanova, María José Vales, da integrante da Agrupación Mar de Poio, Raquel Gómez, e da presidenta de Amarturmar, Nuria Novelle, presentou as accións do proxecto DepoMar, a iniciativa que puxo en marcha este ano a institución provincial en colaboración coa "Fundación Biodiversidad" para "fomentar a protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos da Rede Natura 2000 da provincia coa participación activa e directa das mulleres mariscadoras".
As accións arrancan o vindeiro luns cun audiovisual que se retransmitirá a través das redes sociais da Deputación, protagonizado por "lideresas, mulleres empoderadas do mar, pioneiras en ocupar espazos de decisión na nosa provincia e cun firme compromiso para garantir a sustentabilidade do mar".
DepoMar desenvolverá cinco accións diferenciadas, catro de sensibilización e unha de difusión do proxecto. "Queremos, coas accións de sensibilización que integran un código de boas prácticas, un recurso audiovisual, campañas de concienciación e unha xornada técnica, visibilizar e poñer en valor o traballo feminino no mar, destacar a importancia da profesión dende o punto de vista socieconómico e medioambiental, e divulgar os espazos protexidos Rede Natura 2000 de zonas litorais da provincia", informou a presidenta.
Sobre a importancia de visibilizar o papel das mulleres no mar e a incidencia do traballo seu traballo no medio mariño incidiron as mariscadoras presentes no acto. María José Vales, patroa maior da Pastoriza, lamentou que en Galicia soamente hai seis patroas maiores e especificou as complicacións que teñen as mulleres para exercer o liderado. Rita Míguez, presidenta de Anmupesca, destacou a necesidade de impulsar un equilibrio entre o desenvolvemento económico industrial, o nivel de vida e o coidado do medio ambiente. Neste mesmo eido se pronunciou a integrante da Agrupación Mar de Poio, Raquel Gómez, e a presidenta de Amarturmar, Nuria Novelle, que fixeron fincapé na importancia de que as administracións promovan iniciativas de concienciación medioambiental para sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da sustentabilidade.