Comezan os controis previos á vendima


A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, comezou, por terceiro ano consecutivo, os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe (DO) de Galicia. Así, o control de parcelas e de rendementos xa empezou nestes días e a parte específica da vendima iniciarase cando esta dea comezo de xeito efectivo, estando prevista para mediados de setembro.

Este é un plan propio da Xunta, ao que destina este ano preto de 200.000 euros e que ten como principal obxectivo evitar situacións fraudulentas que se poidan producir desvirtuando o sistema xeral de control de calidade diferenciada dos viños galegos con denominación de orixe.

Para este control, cóntase cun equipo -idéntico ao do pasado ano- formado por 15 persoas, das cales 12 son inspectores de campo e tres técnicos. Este programapúxose en marcha en coordinación con tódolos consellos reguladores de cada unha das denominacións de orixe (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei).

No ano 2020 os inspectores realizaron o control sobre 4.170 parcelas, que corresponden a un total de 454 viticultores das diferentes denominacións.Durante a presente campaña realizaranse os mesmos controis que na anterior. Así, faranse inspeccións a viticultores, a adegas, en transporte (verificación de cargas e descargas), controis de centros de acopio, controis de aforos e vixilancias nocturnas e diúrnas.